O Goberno estatal di agora que ten "vontade" de introducir na Galiza autoestradas ferroviarias malia non recollela no plan

O BNG xa rexistrou unha batería de iniciativas no Congreso para exixir que o Executivo de Pedro Sánchez "non discrimine" a Galiza non plan de autoestradas ferroviarias.
A ministra de Políticas Territoriais, Isabel Rodríguez, durante a súa visita a Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Políticas Territoriais, Isabel Rodríguez, durante a súa visita a Vigo. (Foto: Europa Press)

O Goberno español asegurou esta cuarta feira a súa "clara vontade" de que a Galiza estea no mapa de infraestruturas loxísticas e autoestradas ferroviarias de mercadorías, após excluír o noso país nun informe elaborado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Así o manifestou a ministra de Política Territorial e portavoz do Executivo estatal, Isabel Rodríguez, en declaracións aos medios durante unha visita á estación de Vialia en Vigo. Segundo argumentou, o mapa de infraestruturas coñecido nos últimos días responde a "un informe que se circunscribe unha parte das infraestruturas" e por iso non contemplaría as referidas á Galiza.

En todo caso, asegurou que, "á marxe dun informe técnico, hai unha clara vontade política de avanzar nesas infraestruturas e investir no ámbito do ferrocarril na Galiza". Todo iso, engadiu, para que cidades como Vigo e a súa economía poidan desenvolver o seu potencial e sexan reforzadas cunha infraestrutura como o ferrocarril, que é "prioritaria" para o Goberno de Pedro Sánchez, insistiu.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que acompañou Rodríguez na súa visita, asegurou que a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e a secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera, xa manifestaran que "o Corredor Atlántico de mercadorías é irrenunciábel". "Isto é un estudo técnico que se refire a unha parte de toda a prioridade, pero non é a posición total", engadiu o rexedor.

Críticas de BNG e Xunta

No día de onte, o deputado do BNG no CongresoNéstor Rego, presentou unha batería de medidas para demandar que a Galiza estea incluída na proposta de autoestradas ferroviarias, recollida no documento Mercancías 30.

Esta iniciativa, que pretende "potenciar o transporte ferroviario de mercadorías como eixo que vertebre as cadeas loxísticas multimodais", non inclúe en ningún dos seus trazados a Galiza. O que, de “non rectificar”, tería “graves consecuencias para o tecido empresarial e a economía galega”, en palabras do deputado nacionalista.

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, explicou que o Executivo galego "vai pedir explicacións pola exclusión do Corredor Atlántico".

Vázquez asegurou "non ter información" sobre o futuro do Corredor Atlántico de mercadorías, ao tempo que criticou que o Goberno español dese "prioridade ao Corredor Mediterráneo en detrimento do Corredor Atlántico".

Comentarios