Luz verde á volta ás aulas, mais sen medidas de conciliación

As comunidades autónomas e o Goberno estatal lograron un acordo para coordinar as medidas da 'volta ao cole', e pactar un protocolo de mínimos compartido entre os diferentes territorios e aberto a melloras. Euskadi foi a única excepción e explicou que a súa abstención se debe á competencia exclusiva que teñen en materia de Educación.

photo_camera Unha aula baleira durante o confinamento (Imaxe: Europa Press).

Así o destacou a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, durante a rolda de prensa posterior á Conferencia Sectorial xunto cos ministros de Sanidade, Salvador Illa, e Política Territorial, Carolina Darias, e os diferentes responsábeis autonómicos.

En total, pactáronse 29 medidas e cinco recomendacións que inciden na "prevención, hixiene e promoción da saúde" para unha volta ás aulas segura". "Permítenos actualizar o marco común de cogobernanza que xere confianza na sociedade no seu conxunto, buscamos tranquilidade", engadiu a ministra.

A prioridade do curso será a actividade lectiva presencial para todos os niveis e etapas do sistema, sobre todo desde infantil e até 2º curso de ESO. O uso da máscara será obrigatoria a partir dos 6 anos con independencia da distancia de seguridade e haberá grupos estábeis até segundo de Primaria.

Os centros manteranse abertos durante todo o curso escolar, co servizo de comedor e o servizo de apoio a menores con necesidades especiais e en situación de vulnerabilidade. Igualmente, todos os centros designarán un responsábel para a Covid-19, que deberá estar familiarizada con todos os documentos do coronavirus.

As actividades non lectivas, de forma telemática

O persoal que traballe no centro educativo reducirá ao imprescindíbel a súa permanencia no mesmo, para o que se promoverá a realización telemática de todas aquelas actividades non lectivas que así o permitan.

Así mesmo, o lavado de mans deberá producirse cinco veces ao día e deberá manterse informadas as familias e dar formación aos profesionais. Celaá destacou a importancia da ventilación (10-15 minutos) e da limpeza e desinfección das instalacións, mantendo con distancia os servizos de comedor e transporte escolar, onde a máscara será obrigatoria desde os 6 anos e recomendábel de 3 a 5 anos. Aconséllase que os menores ocupen sempre o mesmo lugar no bus, cumprindo sempre que sexa posíbel a distancia de seguridade. Ademais, chámase os proxenitores a que, sempre que sexa posíbel, acompañen os seus fillos ao colexio andando ou en bicicleta.

As autonomías decidirán como medir a temperatura

Tamén se tomará a temperatura corporal a todo o alumnado e ao persoal de forma previa ao comezo da xornada. No caso de que a toma de temperatura se realice no centro educativo, este disporá a forma de levalo a cabo evitando en todo caso aglomeracións e asegurando o mantemento da distancia mínima interpersoal. Illa precisou que serán as comunidades quen decidan o modelo de toma de temperatura que farán os centros.

Doutra banda, o Ministerio de Sanidade presentou ás autonomías para o seu acordo, no marco da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do SNS, unha 'Guía de actuación ante a aparición de casos de Covid-19 en centros educativos'. Trátase dun documento técnico que servirá de base á hora de tomar as medidas de prevención e control que levarán a cabo as unidades de Saúde Pública das CCAA en caso necesario.

Comentarios