O goberno español xustifica a confiscación de bandeiras nacionalistas porque poden "provocar unha reacción violenta"

En resposta á pregunta formulada pola deputada do BNG, Rosana Pérez, o executivo español afirma que as FSE actuaron para "evitar calquera alteración da orde pública". A parlamentar exixiu explicacións pola retención de seareir@s nun partido do Depor en Valladolid onde lles foron requisadas bandeiras galegas

Bandeira
photo_camera Bandeira

Mes de maio.Valladolid. O Deportivo xoga contra o equipo de pucelo. Centos de seareir@s deportivistas asisten ao partido, moitos con bandeiras nacionalistas galegas.

Á  entrada no estadio as forzas de seguridade exixíronlle a un deportivista deixar fóra a estreleira argüíndo que este "incita á violencia", narraba naquela altura un seareiro a Sermos Galiza, algo que tamén lle aconteu a máis afeccionados. A denuncia pública recollida por este xornal foi trasladada pola deputada do BNG nas Cortes españolas, Rosana Pérez. Após tres meses da súa formulación o executivo de Mariano Rajoy responde á nacionalista e asegura que os axentes actuaron "de conformidade" coa Lei 19/2007 "contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte". 

Segundo o Goberno español as FSE --no concreto o seu coordinador de seguridade-- ordenou a confiscación das bandeiras nacionalistas en aras de "evitar calquera alteración na orde pública" se ben recoñece que "hai bandeiras ou emblemas que non constitúen en si propios e de forma separada ningunha infracción". No entanto, explican desde o Ministerio de Interior, "cando se trata dun evento deportivo de masas" a súa confiscación ten por obxecto evitar "unha reacción violenta e adversa por parte doutros sectores do público".

Rosana Pérez, denunciaba na súa interpelación a "actitude policial prohibicionista" e o "celo excesivo" manifestado polas FSE cara aos seareiros deportivistas. Asemade, a nacionalista instou o goberno a explicar por que razón as bandeiras españolas non foran retiradas do estadio. No entanto, esta cuestión non foi respostada polo Ministerio.

Comentarios