O goberno español volta a vetar o debate sobre o traspaso da AP9 a Galiza

Afirma que o traspaso suporía un incremento do orzamento destinado á principal infraestrutura viaria de Galiza. PSdeG, En Marea e BNG critican con dureza a decisión.

ponte de rande AP9
photo_camera ponte de rande AP9

O goberno español volta a vetar o debate sobre o traspaso da AP9 a Galiza. A mesma maniobra que xa fixera en outubro de 2016 e coa mesma desculpa: suporía un aumento dos créditos orzamentarios. Segundo un informe do Ministerio de Fomento remitido ao Congreso dos Deputados ao que tivo acceso a Cadena Ser, o departamento solicita que se vete a tramitación da proposición non de lei que pide o traspaso da autoestrada a Galiza. Fomento afirma que "a aprobación desta proposición de lei xeraría un aumento dos créditos orzamentarios", polo que o departamento "non presta a conformidade para a súa tramitación en virtude do estabelecido no artigo 134.6 da Constitución". A petición de traspaso responde a unha iniciativa orixinariamente impulsada polo BNG e aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza e até o presidente Núñez Feijóo se comprometeu a facer xestións para que esa petición chegase a bon porto.

Desde En Marea, o seu viceportavoz, Antón Sánchez, afirmou que este veto "demostra que estamos gobernados aquí e en Madrid por xente que cre cero en democracia e ten cero escrúpulos cando se trata de defender os intereses económicos de determinadas empresas". Sánchez criticou que nin sequera se permita o debate da proposición e instou Feijóo a dar "unha resposta". Os socialistas xa se dirixiron á presidenta do Congreso, Ana Pastor, para pedirlle que rache coa disciplina de voto, lembrándolle que ela foi elixida deputada por Pontevedra, provincia afectada pola AP9.

Ana Pontón, portavoz do BNG, entende que estamos perante "unha nova mostra do agravio e desprezo co que se trata Galiza en Madrid", un trato que, engadiu, ten "responsábeis" na Xunta, da que critucou que sexa "incapaz" de defender os intereses de Galiza. Pontón afirma que este veto indica que Feijóo "non pinta nada en Madrid" e incide en que non é de recibo que se argumente o veto con que o traspaso sería un orzamento do crédito orzamentario, máxime após os centos de millóns gastados en resgates á banca ou ás radiais madrileñas. 

Comentarios