O Goberno español veta unha lei do Parlamento galego para que as estafadas polas preferentes recuperen os seus aforros

O Executivo alega os mesmos motivos que o Goberno de Mariano Raxoi utilizou en 2017, cando tamén tumbou a lei.

pedro sanchez investidura foto do congreso
photo_camera Congreso español.

O Goberno español de PSOE e Unidas Podemos vetou a tramitación no Congreso dunha proposta de lei do Parlamento galego para asegurar a devolución íntegra do perdido na crise das preferentes. A lei fora aprobada por unanimidade na Cámara de Galiza en 2014 e pedía que os aforradores e aforradoras afectadas pola estafa das preferentes nas entidades rescatadas con cartos públicos recuperasen todos os seus aforros. Promovida inicialmente polo BNG, contou co apoio de AGE, PSdeG e, tamén, do PP.

Segundo informaron a Europa Press fontes parlamentarias, o veto foi avalado pola Mesa do Congreso na súa última reunión, como se fixo coa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida por Jusapol para igualar os salarios da Policía e a Garda Civil con corpos autónomos e locais.

Após o veto do Goberno e a súa aceptación por parte da Mesa do Congreso, xa non continuará a súa tramitación nin chegarán a se debater no Pleno.

A iniciativa galega, que chegou ao Congreso no outono de 2016, demandaba "garantir a devolución íntegra do valor nominal das accións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada a aforradores e pequenos investidores sen experiencia financeira".

Unha iniciativa similar, tamén do Parlamento galego e aprobada por unanimidade, foi vetada en 2017 polo entón goberno do PP alegando que xerou un aumento do gasto público que modificou negativamente os orzamentos vixentes.

E agora é o Executivo de coalición quen veta a iniciativa, alegando tamén a capacidade de veto que a constitución concede ao Goberno español para evitar a tramitación de iniciativas lexislativas que alteren os orzamentos xerais, xa sexa por un aumento do gasto ou por unha diminución ingresos.

Comentarios