O goberno español recorre a declaración independentista perante o Constitucional

“É unha declarada insumisión ás institucións do Estado”, afirma Rajoy. A Fiscalía da Audiencia Nacional cita os delitos de “sedición” e “rebelión” e pide ás forzas de seguridade, 'Mossos' inclusive, que comuniquen “calquera feito” que procure facer efectiva a resolución do Parlament.

Rajoy

O Consello de Ministros aprobou recorrer perante o Tribunal Constitucional a declaración independentista aprobada esta segunda feira no Parlament de Catalunya. Un paso lóxico após esta terza feira o Consello de Estado ter ditaminado por unanimidade a ideonidade dun recurso que advirte ao presidente en funcións da Generalitat e á presidenta da Cámara catalá, entre outros, da posibilidade de ser suspendidos ou acusados de desobediencia. Son 21 persoas, con nomes e apelidos, as que figuran sinaladas nese recurso, membros da Mesa do Parlament e do goberno de Mas. 

Na comparecencia após o Consello, Mariano Rajoy afirmou que a declaración aprobada no Parlament supón “unha declarada insumisión ás institucións do Estado”, unha resolución que procura “acabar coa democracia e o estado de dereito. E eu non o permitirei”. O presidente español dixo que gostaría que este recurso “fose o derradeiro paso” que tivese que dar o goberno, mais asegurou que “non aceptarei que uns señores liquiden as normas de convivencia”.

Sedición e rebelión

A Fiscalía da Audiencia Nacional ditou unha orde mediante a cal solicita ás forzas e corpos de seguridade do Estado, entre eles os 'Mossos d'Esquadra', que informen de todos os delitos -citando de forma expresa o de sedición- que se poidan cometer se o TC invalida a declaración independentista. O fiscal en xefe Javier Zaragoza sinalaba que a execución do “mandato ilegal” aprobado na Cámara catalá podería constituír os delitos de sedición, prevaricación, desobediencia ou rebelión, entre outros.

A sedición, segundo o Código Penal, implica penas de até 15 anos de prisión. O de rebelión ten como castigo penas de entre 25 e 30 anos de cárcere.

Comentarios