Ofensiva legal contra os dereitos civís

O Consello de Ministr@s aprobará a Lei de Seguridade cidadá a vindeira esta sexta feira e prepara xa a reforma da Lei de folga para endurecer os servizos mínimos nas greves.

Así o anunciou o presidente do executivo español, Mariano Rajoy, a quinta feira nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España (RNE). O seu goberno levará a vindeira semana ao Consello de Ministr@s a nova Lei de seguridade cidadá coa que prevé autorizar ás forzas de seguridade do Estado estabelecer perímetros libres de reunións para alén de aplicar duras sancións económicas que abalarían entre os 100 e os 600 mil euros. 

Rajoy: "A lei vai na liña dos países democráticos"

Malia as fortes críticas que desatou a medida pouco despois de ser anunciada polo goberno español, para o líder do executivo esta "non é máis represora" do que outras e vai "na liña dos países democráticos". Mariano Rajoy defendeu na radio pública que "esta lei conta co apoio de veciños e comerciantes" e prevé "as mesmas sancións que a anterior". 

Rajoy di que a Lei de Seguridade cidadá "non é máis represora" mais a oposición e a cidadanía considérana "anti-democrática"

Porén, inclúe mudanzas a respeito da aprobada no 1992 dirixidas a evitar manifestacións como as de #JaqueAlRey ou #AbrazaElCongreso. Aliás, ten por obxecto prohibir os escrachos e calquera mobilización que non for previamente notificada e aprobada --con 10 días de adianto-- pola Delegación do Goberno.

Chama a atención este cambio normativo tendo enconta que a recente mobilización da Asociación de Vítimas do Terrorismo, após a sentenza do Tribunal de Estrasburgo en relación á Doutrina Parot, si foi autorizada fóra dos prazos fixados pola lexislación vixente e mesmo contou co apoio de destacad@s líderes do Partido Popular.

A reforma visa blindar a policías e gardas civís 

Neste senso, a medida foi pensada, di o Goberno, para garantir a 'protección' dos axentes da policía e a Garda Civil. Aliás, mesmo foi encomendada a súa redacción a un antigo mando dos anti-disturbios do goberno Aznar, como publicou ElDiario.Es. Así, recolle como "moi grave" insultar, coaccionar ou vexar as forzas de seguridade. Sanción que podería ascender aos 600 mil euros de multa. 

Restrinxir o dereito a folga cos servizos mínimos

Mais o Goberno español non fica aí. Desta maneira anunciou que están a estudar unha reforma da Lei de folga (1977) para obrigar @s traballador@s a cumprir uns servizos mínimos durante as greves. A medida vén a colación da folga indefinida convocada pol@s operari@s do servizo de recollida de lixo do Concello Madrid e responde ás demandas dalgúns líderes populares, entre eles a alcaldesa madrileña, Ana Botella. 

Feijóo, partidario da obrigatoriedade dos servizos mínimos

O presidente español, avanzou na entrevista coa radio pública, é "partidario" dunha lei de servizos mínimos "para que se cumpran", dixo. Así, asegurou que encomendou ao seu gabinete estudar esta posibilidade, para o que a ministra de Traballo, Fátima Báñez xa contactou cos líderes sindicais españois. 

Inquirido por esta reforma, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, amosouse partidario da nova medida na comparecencia de imprensa após a reunión semanal do Consello da Xunta. 

Comentarios