O goberno español obrigará a pagar tratamentos para enfermidades crónicas

A norma inclúe medicamentos destinados a enferm@s de cancro ou arttite. Pagarase un 10% do prezo total cun tope de 4,2€ por fármaco. A reforma "é de obrigado cumprimento" para as Comunidades autónomas, advirten desde Madrid, que exixe a súa aplicación a partir do 1 de outubro.

O re-pagamento sanitario chega aos tratamentos de enfermidades crónicas. Así foi aprobado polo Ministerio de Sanidade e publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE). A reforma presentada polo executivo de Mariano Rajoy --da man da ministra Ana Mato-- obrigará @s doentes con enfermidades crónicas a pagaren o seu tratamento mesmo cando se tratar de enferm@s de cancro ou artrite. 

A aplicación da reforma, que vén a se sumar ao co-pagamento sanitario aprobado o pasado ano, entrará en vigo a partir do 1 de outubro e será de obrigado cumprimento para as Comunidades autónomas, segundo aclaran fontes do Ministerio español. Neste senso, din, a maior parte dos territorios "amosáronse favorábeis á súa aplicación". 

Tratamentos contra o cancro de mama, leucemia ou de reprodución asistida

O texto publicado no BOE etinxe a fármacos de prescrición hospitalaria para doentes non ingresad@s mais que até o momento eran gratuítos para @ utente. Abrangue unha listaxe de 42 medicamentos cuxo prezo deberá ser abonado nun 10% pol@ paciente. No entanto, segundo recolle a reforma fixarase un tope de 4,2 euros por fármaco. 

A medida non abrangue tratamentos como os da SIDA que fican até o momento exentos ao seren suministrados nos hospitais. Mais si que atinxe a tratamentos contra o cancro de mama (Afinitor, Tyverb), de ril (Votrient), tumores cerebrais (Temodal). Tamén contra a leucemia, a artrite reumatoide, tratamentos de reprodución asistida ou un sistema intrauterino anticonceptivo, entre outros. 

Comentarios