O Goberno español non pagará os 200 millóns que reclama a Xunta polo IVE de 2017

Edificios administrativos da Xunta
photo_camera Edificios administrativos da Xunta

Galiza continuará, de momento, sen os 200 millóns que o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, reclama ao Goberno español polo axuste do IVE do ano 2017. A portavoz do Executivo e responsábel de Facenda, María Jesús Montero, advertiu de que se trata dunha cuestión que "tocaba no ano 2019" e que xa advertira diso durante a súa comparecencia sobre os Orzamentos Xerais do Estado.

Entón, o Goberno propuxo no proxecto de OXE (Orzamentos xerais do Estado) do ano pasado resarcir ás comunidades o "dano" ocasionado en 2017, cando só se pagaron once meses do IVE, e Montero lembrou que o asunto foi "obxecto de burla" no debate orzamentario e un "intento de ridiculización", afirmando que ela contabilizaba 13 meses do IVE.

Do mesmo xeito, lembrou tamén que o Goberno expuxo a flexibilización dos obxectivos de déficit das comunidades que permitiría aos territorios un gasto de máis de 2.000 millóns adicionais.

"Correspondía ao ano 2019 porque o sistema de financiamento ten a liquidación dous anos máis tarde do exercicio no que se produce. O dano de 2017 teríase que reparar en 2019, ao non ter o proxecto de OXE e rexeitar as forzas parlamentarias, decaeu esta medida e non a puidemos atender", aclarou.

Por iso, dixo chamarlle a "atención" que quen criticaron e votaron en contra do proxecto que recollía o pago do mes pendente de IVE, unha vez que transcendeu o exercicio orzamentario, sigan reclamando o resarcemento de recursos do IVE.

Comentarios