O goberno español non desbota adiantar as eleccións a maio

Abre a porta a que os comicios coincidan coas municipais e europeas, 26 de maio, nun ‘superdomingo electoral’. O Goberno podería verse abocado a un anticipo ante a imposibilidade de pactar os orzamentos coas forzas soberanistas catalás. A outra opción que ten sobre a mesa é a de estirar a lexislatura até o outono de 2019 e, mentres tanto, ir gobernando vía decreto lei.

ELECCIONS2

Un domingo 26 de maio no que haxa eleccións municipais, europeas, autonómicas (agás Catalunya, Galiza, Euskadi e Andalucía) e tamén as estatais. Un escenario que non desbota o goberno español que, por boca do seu ministro de Fomento, José Luis Ábalos— tamén secretario de Organización do PSOE recoñece que esa posibilidade “non é descartábel”. O executivo, pois, abre as portas a unhas eleccións anticipadas.

Nunha entrevista en Europa Press, o ministro recoñecía que o goberno de Pedro Sánchez barallaba esta posibilidade. Porén, insistiu en que a prioridade era actualmente continuar a traballar nos Orzamentos, unhas contas que, polo de agora, non reúnen apoios parlamentares abondo para a súa aprobación.

“Queremos un orzamento e ímolo intentar até o final”, dixo. Ábalos lembrou que a potestade de disolver as Cortes e convocar eleccións corresponde ao presidente do goberno. Unha potestade que cualificou como “botón vermello” e que dixo que Sánchez usará “con responsabilidade” e “cando crea que ten que facelo”.

Comentarios