O goberno español muda de estratexia na loita contra o ébola

A vice-presidenta do executivo, Soraya Sáenz de Santamaría, toma as rendas e afasta a ministra de Sanidade, Ana Mato. Teresa Romero permanece "estábel" dentro da gravidade.

La Moncloa
photo_camera [Imaxe La Moncloa]

Após cinco días de se coñecer o primeiro caso de ébola en Europa o Goberno español pega un xiro na súa estratexia política para combater o virus e afasta a ministra de Sanidade Ana Mato. 

A partir desta sexta feira (10 de outubro) será a vice-presidenta do executivo, Soraya Sáenz, que asumirá o control da acción política en relación ao ébola e encabezará un novo comité especial do que tamén farán parte representantes de diversos ministerios (Relacións Exteriores, Defensa, Interior, Presidencia, Xustiza e Economía) e autoridades sanitarias da Comunidade de Madrid. 

O goberno de Mariano Rajoy relega desta maneira a ministra Ana Mato, quen se mantén nun segundo plano político desde os últimos días. Destarte, na visita de Mariano Rajoy ao Hospital Carlos III, Mato non fixo acto de presenza. 

Unha mensaxe de "transparencia" e tranquilidade

Con esta decisión o executivo español tenta lanzar unha mensaxe de tranquilidade --e control-- á sociedade civil, a comunidade sanitaria mais tamén ás autoridades internacionais que ollan con lupa --e preocupación-- o decorrer dos acontecementos no único estado europeo no que, polo de agora, se ten rexistrado casos de ébola. 

O Goberno español tenta con estas mudanzas transmitir tranquilidade perante as voces que critican a súa xestión da crise

"É responsabilidade de todos e moi especialmente do Goberno traballar con transparencia", afirmou Sáenz de Santamaría na comparecencia de imprensa semanal, posterior ao Consello de Ministr@s. "Esta país está preparado e sabemos que se pode facer fronte a esta situación", acrecentou, nun intento por calmar as voces que critican a acción gobernamental nos días anteriores e posteriores á infección de Teresa Romero. 

A Romero suminístraselle ZMapp

Desde o executivo continúan a asegurar que o risco de que o virus se expanda é "mínimo" mais polo de agora hai xa 14 persoas hospitalizadas á espera de confirmar se teñen ou non o virus.

Pola súa banda, a auxiliar de enfermaría galega que si contraeu a enfermidade atópase "estábel" dentro da gravidade e recibiu xa unha dose de ZMapp, o soro experimental elaborado en Canadá que tamén fora suministrado aos sacerdotes repatriados. Embora crerse que este tratamento estaba rematado --as doses disponíbeis eran escasas-- foi enviado desde Bélxica. 

Comentarios