xoves 13/08/20

O Goberno español inclúe as touradas nas axudas á cultura

O ministro de Cultura, José Manuel Uribes, mencionou as touradas dentro das actividades que se poden beneficiar da liña de crédito de 40 millóns de euros para o sector cultural. O ministro chamou a evitar "debates emocionais" e remarcou ante as protestas dos partidos que a tauromaquia forma parte do Ministerio de Cultura desde 2010. 
Praza de touros da Real Maestranza de Ronda, en Málaga, Andalucía (Imaxe: Joaquín Arjona / EP)
Praza de touros da Real Maestranza de Ronda, en Málaga, Andalucía (Imaxe: Joaquín Arjona / EP)

"A tauromaquia forma parte de Cultura desde 2010", dixo o ministro José Manuel Rodríguez Uribes esta sexta feira, 29 de maio, no Congreso dos Deputados ao ser recriminado por distintas forzas políticas ao incluír as touradas dentro das actividades que se poden beneficiar da liña de crédito de 40 millóns de euros que o Estado español pon en marcha para o sector das industrias culturais para facer fronte aos efectos da crise económica causada pola pandemia do coronavirus. 

Na súa intervención, o ministro recoñeceu que o Goberno terá que mellorar os criterios e posibilidades da tauromaquia no desconfinamento para que as touradas "volvan canto antes á normalidade". Uribes tamén fixo referencia ao "quebranto económico" que sufriu o sector durante o estado de alarma, debido á cancelación de eventos de toureiro como a andaluza Feira de Abril ou a madrileña de Santo Isidro.

Con audacia, o portavoz do PNV Joseba Andoni Agirretxea  Urresti, sinalou ao ministro que a inclusión da tauromaquia no Ministerio de Cultura en 2010 foi unha "artimaña" que nada tiña a ver co "interese cultural", senón que se fixo co obxectivo de evitar que as comunidades autónomas puidesen lexislar sobre as touradas.

Ante a afirmación do ministro de que o seu deber era o de escoitar todos os sectores da cultura, a deputada de Junts per Catalunya, Laura  Borràs, sinalou que o feito de ouvir a todas e todos "non obriga a axudar o mundo do touro". Esquerra Republicana de Catalunya afirmou que "a tauromaquia non é cultura" senón "unha animalada", e pediu que non se lle destine "nin un só euro".

A decadencia

A incidencia das touradas é cada vez menor. En nacións como a Galiza o público é moi limitado, mais tamén no Estado estes eventos van a menos. As  últimas cifras do Ministerio sobre as touradas, referentes a 2018, sinalan a decadencia do sector. Como mostra, basta ver que as touradas realizadas no interior dunha praza de touros reducíronse de 2017 a 2018 até 58%.

A Moncloa ten "a punto" unha reforma da lei contra a fraude fiscal

O Goberno estatal está "a punto" de aprobar no Consello de Ministras unha nova lei de fraude fiscal e "cedo chegará" para o seu debate ao Congreso, segundo anunciou a ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Xunto a ela, en rolda de prensa, tamén estaba o vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, que apuntou que a persecución da fraude fiscal é unha "tarefa pendente da democracia" e valorou que "serviría para achegarse un pouco á media dos países da contorna" en recadación.

O vicepresidente respondeu aos medios sobre a proposta de Unidas Podemos de crear un imposto ás grandes fortunas para recadar uns 11.000 millóns de euros, admitindo que no seo do Executivo hai debate sobre materia de impostos, o cal cualificou de "lóxico e saudábel".
 

comentarios