O goberno español en funcións exclúe Reganosa da avaliación de impacto ambiental

Evita con esta medida que teña que paralizar o funcionamento por mor da sentenza do Supremo. 

Gaseiro entrando en Reganosa_Panoramio
photo_camera Gaseiro entrando en Reganosa_Panoramio

O Consello de Ministros aprobou esta sexta feira (27 de maio) excluír da avaliación de impacto ambiental a gaseira após a sentenza do Tribunal Supremo que anulou a autorización administrativa que permitía a súa instalación na ría de Mugardos

O executivo español en funcións atribúe a decisión a "minimizar os prexuízos" e "axilizar o procedemento necesario" para que Reganosa cumpra as sentenzas do Supremo

A decisión adoptada polo goberno en funcións ten un carácter "excepcional" como recoñece o propio executivo e visa, din, "axilizar o procedemento necesario para cumprir coas dúas sentenzas do Tribunal Supremo" evitando así "a paralización prolongada da actividade da planta" o que, defenden, "poría en risco o suministro de gas natural no Estado español e Portugal, así como a seguridade de persoas, bens e do propio sistema gasista". 

Segundo o goberno en funcións "fíxose unha avaliación alternativa" pola cal deteminaron que "a planta é viábel ambientalmente e que non ten unha incidencia significativa susteptíbel de producir repercusións apreciábeis no medio ambiente ou os recursos naturais". 

Anulación da autorización

En abril deste ano o Supremo anulou a autorización administrativa previa á instalación de Reganosa en Mugardos ao sinalar que "no momento en que se outorgou non existía unha ordenación urbanística á que poidese considerarse acomodado". E é que o PXOM de Mugardos foi aprobado en 2003 e declarado nulo en 2012. Neste senso, o tribunal obriga a entidade a solicitar de novo a autorización.

Na altura de se coñecer a sentenza do Tribunal Supremo, a presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro de Mehá, parte denunciante da autorización concendida á planta de Reganosa en Mugardos, amosaba "cautela" perante o contido do ditame e advertía da posibilidade de que o goberno puidese introducir unha mudanza legal a medida dos intereses da empresa para que Reganosa se manteña onde está. 

Comentarios