O Goberno español fecha a porta a cambios na xestión do fondo Covid

O gabinete de Sánchez busca acabar coa campaña do PP en contra do repartimento de fondos europeos publicando un mapa co gasto territorializado, ao tempo que nega a posibilidade dun cambio no cogoberno dos fondos.
O presidente do Estado, Pedro Sánchez, o pasado 20 de xaneiro. (Foto: I.Infantes. POOL / Europa Press)
photo_camera O presidente do Estado, Pedro Sánchez, o 20 de xaneiro. (Foto: I.Infantes. POOL / Europa Press)

O Executivo estatal liderado por Pedro Sánchez descartou esta quinta feira cambios no sistema de cogoberno do fondo Covid impulsado pola Unión Europea, no medio da campaña do Partido Popular (PP) para cuestionar o repartimento dos cartos.

Co apoio dos seus líderes territoriais, Alberto Núñez Feixoo na Galiza, Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid, Alfonso Fernández Mañueco en Castela e León e Juan Manuel Moreno en Andalucía, a formación estatal acusou o gabinete de Sánchez de non transferir os fondos para políticas activas de emprego, unha competencia dos territorios, chegando a Comunidade de Madrid a levar directamente o caso perante a Xustiza.

Iso si, Feixoo comezou a recuar a cuarta feita nas ameazas de xudicializar a situación.

Pola súa parte, o Goberno estatal subliñou que estes catro territorios están entre os seis que máis fondos recibiron, por este orde: Andalucía, con 1.916 millóns, Catalunya (1.579 millóns); Comunidade de Madrid (1.213 millóns); País Valencià (1.055); Castela e León (742 millóns) e a Galiza (681 millóns).

Mapa interactivo co repartimento

Ademais, anunciou que están ultimando un mapa interactivo no que se detalle o repartimento destes fondos por territorios, que destacaron, probabelmente estea activo a partir da sexta feira na páxina web da Moncloa.

Desde o Executivo de Sánchez indican que estarán dispoñíbeis as cifras de cada sector económico, e aseveran que o mapa xa estaba programado e á espera de contar cos datos consolidados de 2021.

Até o de agora transferíronse 11.246 millóns de euros do orzamento de 2021, explica o gabinete, con 1.060 millóns de euros a demanda dos territorios, arredor do 50% dos 24.000 millóns de euros orzamentados.

A pesar de fechar a porta a cambios na xestión do fondo Covid, o Goberno estatal sinalou que outras cuestións en referencia aos fondos europeos si que se poderán discutir na vindeira Conferencia de Presidentes territoriais, que decorrerá na Palma (Illas Canarias).

Comentarios