O goberno español exclúe as alegacións d@s gandeir@s do acordo do leite

Rexeita introducir as emendas presentadas por Unións Agrarias (UPA) e COAG.

TRactorada @jpenalta
photo_camera [Imaxe @jpenalta]

O documento que, previsibelmente, será asinado esta cuarta feira (23 de setembro) en Madrid entre os distintos elos da cadea de valor do leite (produción-industria-distribución) non inclúe as emendas achegadas por Unións Agrarias (UPA) e a Coordenadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG). 

Neste senso, o executivo español, através do Ministerio de Agricultura, desoe algunhas das principais demandas das explotacións gandeiras como a fixación de criterios obxectivos á fin de acadar prezos sostíbeis para a produción. 

Segundo a carteira que dirixe Isabel García Tejerina, estas demandas non poden ser introducidas por mor da actual Lei de Competencia o que impide, de facto, evitar a discrecionalidade das industrias e distribuidoras á hora de fixar os prezos do leite. 

En troca, o Ministerio propón que estas cuestións sexan tratadas con posterioridade na Interprofesional Láctea (InLac). Ora ben, si permite que as distribuidoras e empresas que se negan a asinar o acordo poidan introducir mudanzas no mesmo tan só con comunicalo. 

En comparecencia de imprensa o Bloque Nacionalista Galego (BNG) advertía onte de que a falta de "garantías" do acordo podía supor un "feche en falso" do conflito que mobilizou durante perto de dous meses ás explotacións gandeiras galegas. 

Comentarios