O Goberno español estuda como manter a blindaxe xudicial a Juan Carlos de Borbón

A lei orgánica que regula a sucesión a título de El-Rei limítase a tomar nota da vontade de abdicación de Juan Carlos I e a preparar a chegada ao trono de Felipe Borbón, mas nada di sobre o aforamento do actual monarca.

A Constitución declara inviolábel a persoa de El-Rei, isto é, os seus actos non están suxeitos a ningún tipo de responsabilidade xudicial, son xuridicamente impunes.

Esa inviolabilidade vaina perder Juan Carlos de Borbón, mais no ficará inteiramente desprotexido e o Goberno español xa estuda distintas fórmulas para garantir a súa blindaxe. Expertos xuristas próximos a La Zarzuela enfatizan que o futuro ex monarca non perderá a inviolabilidade a efeitos retroactivos, isto é, non se lle poderán pedir contas por nada do que fixo durante os seus 39 anos de reinado.

A futura dotación económica, a cargo do erario público, que vaia perceber Juan Carlos I será decidida no seu momento por Felipe Borbón.

Esta mesma terza feira, o ministro de Xustiza avanzou que prepara un Real Decreto en que se irán regular "as circunstancias que atinxen diretamente o estatus de El-Rei unha vez que cese da xefatura do Estado".

Isto non significa que vaia ser este real decreto o instrumento xurídico que utilice o Goberno para blindar o Borbón, cuxa familia está directamente atinxida por un grave asunto de corrupción, o caso Nóos. O decreto podería simplesmente regular o estatuto do aínda monarca e a súa inserción na estrutura institucional do Estado.

Fontes da Casa Real informaron de que a futura dotación económica, a cargo do erario público, que vaia perceber Juan Carlos I será decidida no seu momento por Felipe Borbón.

Algunhas fontes informaron a El País que a blindaxe ao monarca podería chegar da man da futura Lei Orgánica do Poder Xudicial.

Comentarios