O goberno español bate contra o autoconsumo enerxético coa 'peaxe de respaldo'

Impón unha taxa @s utentes que posúan plantas para o autoabastecemento enerxético das súas moradas, empresas ou explotacións gandeiras. A medida elevará o custo da electricidade autoxerida un 27% máis que a fornecida pola rede xeral

Así o anunciou o ministro español de Industria após a xuntanza semanal do Consello de Ministr@s decorrida a pasada sexta feira. A través do Decreto sobre o autoconsumo enerxético o executivo de Mariano Rajoy imporá unha 'peaxe de respaldo' coa que gravará a enerxía eléctrica producida en plantas autoxestionadas e a través de enerxías renovábeis. 

A medida encarecerá a enerxía autoxerida nun 27% fronte á das compañías eléctricas

Desta maneira, a factura eléctrica incrementarase até nun 27% en relación coa electricidade fornecida a través da rede xeral empregada polas compañías eléctricas. O Goberno español argüe que mesmo esta modalidade conecta @s utentes co sistema eléctrico e, polo tanto, gozan do respaldo que este ofrece mesmo "cando estea consumindo electricidade producida pola súa instalación" autoxerida. 

A medida permitirá ao executivo español controlar a diminución e incremento desta nova peaxe en función da evolución do mercado. Asemade, prevé frear o "descontrol" na implantación deste modelo de produción eléctrica que --ao entender do oligopolio enerxético-- podería "colapsar o sistema". 

O Decreto sobre autoconsumo enerxético favorece os intereses das 5 compañías que controlan o 80% do suministro eléctrico no Estado español 

Co Decreto sobre autoconsumo enerxético, o Ministerio de Industria comprace --máis unha vez-- os intereses das 5 grandes empresas (Endesa, Iberdrola, Gas Natural, Fenosa e E.On) que controlan o 80% da electricidade xerada no Estado español. Para rexistrar as plantas de autoconsumo, o executivo obrigará @s utentes a se inscribiren nunha listaxe habilitada após a aprobación do novo decreto. De non se rexistraren, @s consumidor@s poderían afrontar cortes no suministro eléctrico e mesmo sancións que poderían chegar aos 30 millóns de euros. 

A nova norma, impedirá que as plantas autoxeridas vendan --como viñan facendo-- o excedente á rede eléctrica para logo recuperala cando a precisen. O anteproxecto presentado polo Ministerio de Industria estabelece que ese vertido "non poderá levar aparellada unha contrapestación económica". 

Pequenas empresas e explotacións gandeiras optaran por este modelo eléctrico para abaratar custos 

A nova taxa, súmase á suba da factura prevista para o mes de agosto e que incrementará máis dun 3% o prezo da luz. Aliás, supón unha contradición coas políticas desenvolvidas na maior parte dos Estados membros da UE, cuxos gobernos pulan e mesmo incentivan a implantación do autoconsumo eléctrico e as enerxías renovábeis.

Comentarios