Un goberno do BNG remataría coa precariedade do servizo de extinción de incendios, asegura Ana Pontón

Pór fin á precariedade do servizo de extención de incendios e apostar nunha nova política forestal. Eses son os dous compromisos que selou Ana Pontón con traballadoras e traballadores da empresa pública SEAGA, cos que se reuniu esta cuarta feira en Compostela.

Rolda de prensa
photo_camera Comparecencia de imprensa de Ana Pontón con traballadoras e traballadores de SEAGA

A política forestal en que aposta o BNG, enfatizou Pontón na reunión, estará centrada na prevención, uso multifuncional do monte e promoción de cambios estruturais “que poñan fin ao drama dos incendios”.

Resaltou a candidata nacionalista a súa tese de que os incendios “non se apagan no verán”, senón no inverno con políticas de prevención. Pontón denunciou que “Galiza é o territorio do Estado con maior número de lumes”, o que infelizmente ten levado o noso país a acadar o récord de maior superficie queimada, “10.000 incendios ao ano que afectan a cerca de 24.000 hectáreas”.

Os incendios son produto, alegou, de fallas estruturais na xestión de territorio e da adopción de medidas tan equivocadas como a recente lei de montes en que se reduciron as franxas de protección “das vivendas e das vías de comunicación”.

Canto á precarización do servizo de extinción de incendios, quer nos entes públicos quer nos privados, Pontón situou a chave nos “intereses privatizadores” aos que serviría o goberno Feijóo. 

Nese sentido, remarcou a candidata, o BNG aposta en “unificar o servizo”, “garantir o seu carácter público e profesionalizado”, priorizar a política de prevención das mans dos montes en mao común, impulsar un plan xeral de rozas e superar o modelo de monocultivo do eucalipto.

Comentarios