mércores 08.07.2020
Fala xa de “golpe de Estado”

O Goberno central endurece o discurso contra Catalunya

O Goberno de Mariano Rajoy engraxa a maquinaria contra o proceso soberanista catalán e mesmo cualifica o proxecto político independentista como “golpe de estado” a través de ministras e ministros. O propio Rajoy compara Catalunya “coas peores ditaduras”.

Rajoy, na sesión de investidura, 27 de outubro de 2016
Rajoy, na sesión de investidura, 27 de outubro de 2016

Nos últimos días, e de maneira explícita, membros do Goberno dirixido por Mariano Rajoy fixeron seu o discurso cociñado pola prensa madrileña e entidades unionistas contra o proceso soberanista catalán. Tanto que comezan a empregar a palabra “golpe de estado”. O propio presidente do Goberno subiu o ton, ao comparar Catalunya “coas peores ditaduras”.

Esta mesma semana, e após a conferencia pronunciada por Carles Puigdemont, president da Generalitat, en Madrid, o ministro de Educación, Íñigo Méndez De Vigo, puxo de manifesto que “non nos parece correcto que o presidente [Carles Puigdemont] queira negociar datas e modalidades. E a alternativa que presentou non é só inconstitucional, senón un verdadeiro golpe de estado, porque cunha lei rápida pretende non unicamente vulnerar o seu estatus, senón a constitución española”.

Cospedal: “O estado ten suficiente forza para impedir o que é unha ameaza contra o estado"

Máis dura foi, quizais, a titular de Defensa, María Dolores de Cospedal, quen nunha entrevista concedida a Onda Cero sinalou que “o estado ten suficiente forza para impedir o que é unha ameaza contra o estado. Puigdemont ameazou constantemente el estado. Se for noutro país e noutras circunstancias, e se non falásemos de políticos, diríamos que é un intento de golpe de estado. Ou unha ameaza de golpe de estado”.

Aliás, o ministro do Interior, José Ignacio Zoido, nunha entrevista en esRadio, preguntado por se a policía interviría en Catalunya para retirar as urnas, respondeu: “Eu podo dicirlle que isto é unha chantaxe que se lle quere facer ao goberno español”. Unha colaboradora do programa preguntoulle se estaba preparado para tomar o control dos Mossos, chegado o momento, ao que apuntou, “non teña dúbida de que o estado, o goberno da nación, tomará todas as medidas que teña que tomar. Non teña ningunha dúbida”.

comentarios