O gasto en persoal 'a dedo' na Xunta duplica o dos altos cargos, denuncian @s socialistas

Houbo un aumento dun 12 por cento nos salarios de persoal eventual, que supoñen 12 millóns de euros anuais, denuncian desde o PSdeG.

San Caetano, edificios administrativos da Xunta
photo_camera San Caetano, edificios administrativos da Xunta

O goberno galego superou xa os 9.000 millóns de euros de débeda en 2014, un 121 por cento mais que cando Núñez Feijóo chegou ao goberno en 2009. Así o confirma o informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2014, que foi presentado en Comisión parlamentaria. O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, González Santín, alertou de que a débeda pública do goberno galego suporá para este ano o 16,3 por cento do PIB. "Feijóo superou os 9.000 millóns de débeda mentres o gasto en persoal a dedo duplica o dos altos cargos da Xunta", afirman @s socialistas, que inciden en que "esta dramática situación financeira coincide cun aumento dun 11,82 por cento nos salarios de persoal eventual, que supoñen 12 millóns de euros anuais e xa duplican a tódolos altos cargos do goberno galego".

E mentres acontece ese aumento, indican desde o PSdeG, o goberno galego "continúa precarizando o persoal de sanidade, eliminando 882 funcionarios mentres aumenta o persoal interino e eventual. Ao mesmo tempo deixa sen executar 550 millóns de euros dos investimentos previstos, retirándolle ás empresas 242 dos 423 millóns de gastos previstos, outros 58 ás ONGs e 56 ás corporacións locais". González Santín sinalou ademais a crítica do Consello de Contas contra o elevado recurso ás modificacións orzamentarias por parte do goberno galego, que pasou de alterar 950 millóns en 2013 ata 1.211 en 2014, un 27 por cento mais e que supoñen o 12 por cento do orzamento.

Comentarios