Garzón deixa entrever que IU podería renunciar á súa marca nas eleccións lexislativas

O líder de Izquierda Unida apostou por “limar diferenzas” con Podemos para configurar unha candidatura de unidade popular que non sexa unha “sopa de siglas”, durante o seu encontro coa Marea Atlántica na Coruña.

Alberto Garzón coa Marea Atlántica (Foto:IU)
photo_camera Alberto Garzón coa Marea Atlántica (Foto:IU)


O candidato de Izquierda Unida (IU) á presidencia do Goberno central, Alberto Garzón, deixou entrever este sábado que a súa formación podería renunciar as siglas para concorrer nas xerais nunha candidatura de unidade popular. 

Apostou por achegar posturas con Podemos, en relación á negativa de Pablo Iglesias de crear unha única lista de esquerda. “Loxicamente hai diferenzas, mais entendemos que hai que salvalas e limalas”, dixo Garzón durante o encontro que mantivo coa Marea Atlántica na Coruña. No acto tamén estiveron presentes a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, e o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez. 

Preguntado sobre unha hipotética marea galega, afirmou que será o “pobo galego” quen a defina. “Eu teño pouco que dicir con respecto a iso”. Puxo como exemplo as candidaturas nas cidades da Coruña, Ferrol e Compostela das que “teñen moito que aprender no resto do Estado”. Destacou así que Galiza é “probablemente” o lugar de Europa “máis preparado” para crear unha marea.

Destacou que Galiza é “probablemente” o lugar de Europa “máis preparado” para crear unha marea.

Rexeita unha “sopa de siglas”

O líder de IU considerou que “a marca é secundaria” porque “as candidaturas de unidade popular, aínda que teñan nomes diferentes, son recoñecidas como parte do mesmo proceso”. Rexeitou que estas sexan unha “sopa de siglas”. 

Garzón pediu dialogo para que IU e Podemos acaden un acordo. Apuntou que IU tería un resultado “suficiente” para ter grupo parlamentar mentres que o de Podemos sería “excelente” de ir por separado, porén, aseverou que esta fórmula sería “insuficiente para mudar” o Estado español e vaticinou que “seguirían gobernando PP e PSOE”. 

 

 

Comentarios