APÓS PABLO IGLESIAS TER DECRETADO QUE IU É UN PROXECTO ESGOTADO

Garzón defende “candidaturas de unidade” e Noriega cre que IU debe estar na confluencia

Alberto Garzón atópase estes días na Galiza, con vistas a realizar contactos con dirixentes políticos galegos.

Á esquerda, o alcalde de Ferrol, que acompaña a Alberto Grazón (IU)
photo_camera Garzón asina no libro de honra de Ferrol

O deputado de Izquierda Unida e candidato desta formación á presidencia do goberno español, Alberto Garzón, está estes días en Galiza, unha visita na que vai manter xuntanzas e participar en diferentes actos, como a festa do PCG. En declaracións en Ferrol, Garzón ve “unha necesidade” a creación dunha “candidatura de unidade popular” nas xerais para desputar ao PP o goberno central.

Garzón asegurou que as forzas de esquerdas deben “deixarse a pel” para “intentar que o que foron as experiencias do 24M poidan estenderse e expandirse” e callar nunha “candidatura ilusionante” que derrote o PP e as “políticas neoliberais e de recortes”.

Garzón defende que na Galiza a unidade popular se faga "polo galego e con ninguén de fóra"

A preguntas dos medios, o deputado de IU opinou sobre como callaría en Galiza esa proposta. Así, dixo que hai que destacar o acontecido nas municipais, deixando claro que as liñas son a participación “exercida polo pobo galego e con ninguén de fóra”, poñendo como exemplo as marés de Compostela, A Coruña e Ferrol. Apostou tamén en exportar esa mesma experiencia a outros territorios do Estado.

Quen si ve a IU como actor da unidade popular é Martiño Noriega, alcalde de Santiago e co-portavoz nacional de Anova, formación que partilla coligazón eleitoral con Esquerda Unida (AGE).

En declaracións recollidas por Europa Press, Noriega apelou á "emerxencia do momento" para xustificar a confluencia da esquerda social e política, unha converxencia na que ve a Garzón como dirixente e a IU como colectivo.

IU non entra, porén, nos planos de Podemos, cuxo máximo dirixente deixou claro esta semana que na súa opinión o proxecto político liderado por Garzón está "esgotado".

Pablo Iglesias marca unha estratexia que consiste en que Podemos se presentaría como tal en todo o Estado (sen abrir a man a unha candidatura de unidade popular do estilo de Ahora Madrid ou Barcelona en Común), mentres que, e dadas as súas "particularidades" (textual), si accedería a ir como "Podemos-Outra cousa" en Catalunya, Galiza e o País Valenciano.

comentarios