Garzón ataca os "proxectos que aspiran a ser a UCD do presente", en alusión a Podemos e Ciudadanos

alberto garzón (foto IU)
photo_camera alberto garzón (foto IU)

O candidato á presidencia do Goberno de IU-Unidad Popular defende a súa organización como única garantía de políticas de esquerda fronte aos partidos "que se están a pelexar polo centro".

O líder de IU pronunciouse nestes termos durante a súa intervención no Fórum Nova Economía, en Madrid. Baixo o seu ponto de vista, o eleitorado o 20-D terá basicamente dúas opcións. Ou a vía da esquerda que representa IU-Unidad Popular ou a vía cara ao centro de PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos.

Garzón analisa así por que finalmente non fructificou a unidade con Podemos: "Agora que vemos o cambio estratéxico de Podemos entendemos a situación. Entendemos que as voces de esquerdas sempre son incómodas a proxectos que aspiran a ser a UCD do presente", dixo.

IU-Unidad Popular, enfatizou Garzón, propón para o Estado un proceso constituínte que institúa unha República federal, feminista e social

Nos comicios vanse confrontar dous modelos de facer política. O que ten unha visión "mercantilizadora" e actúa como "as empresas de marketing que axeitan o seu produto ao que o consumidor quer comprar", e aí englobou ao tetrapartidismo emerxente, ou o aquel que defende principios e valores "que non están a mercede do tacticismo".

IU-Unidad Popular, enfatizou Garzón, propón para o Estado un proceso constituínte que institúa unha República federal, feminista e social. "É importante estar alerta perante o espellismo constitucional ao que nos queren empurrar algúns partidos, que din que hai que mudar todo, mais apostan nunha reforma parcial que só pode facer un exercicio de maquillaxe e cosmética", dixo.

Comentarios