IU fica sen grupo após Díaz e os deputados cataláns desouviren o chamamento de Lara

[ACTUALIZADA ÁS 17.15H] Malia que Cayo Lara apelou á responsabilidade de Yolanda Díaz e dos deputados cataláns que se integraron no grupo parlamentar de Podemos, IU seguirá sen contar con grupo parlamentar propio. A proposta do coordinador federal provocou tensións internas.

alberto garzón (foto IU)
photo_camera alberto garzón (foto IU)

IU seguirá sen grupo parlamentar propio após Yolanda Díaz e os dous deputados cataláns de IU que concorreron as eleccións con En Comú Podem desouviren a proposta de Cayo Lara. A intervención de Lara no Consello Federal de IU espertou na formación política graves enfrontamentos que non tardaron en saír á luz. 

O primeiro en reaxir foi o deputado de IU, Alberto Garzón, quen lle advertiu a Cayo Lara que a súa proposta de crear un grupo parlamentar cos dous deputados de IU integrados no grupo mixto e os tres integrados no grupo de Podemos representa unha “grave irresponsabilidade política” que pode “romper” as confluencias en Catalunya –En Comú Podem- e na Galiza –En Marea.

A reacción de Alberto Garzón tivo lugar após o coordinador federal de IU instara Yolanda Díaz –coordinadora nacional de EU, que se presentou ás eleccións coa coligazón de En Marea- e os parlamentares de IU que se presentaron con En Comú Podem a se sumaren aos dous deputados que ten IU no grupo mixto, Alberto Garzón e Sol Sánchez, para formaren un grupo propio. Segundo Lara, Ciudadanos e o PSOE apoiarían a creación do grupo parlamentar de IU nesas condicións.

Lara non cre que a creación dun grupo parlamentar propio prexudicase as confluencias

Cayo Lara non cre que o feito de que os tres deputados de IU que se presentaron ás eleccións en candidaturas de confluencia formen parte dun grupo propio xunto Garzón e Sánchez vaia prexudicar “ningún interese dos acordos que se poida ter en cada un deses territorios”.

Dada a división provocada pola oferta de Lara a Yolanda Díaz e aos deputados cataláns, o propio coordinador federal de IU retirou a proposta do texto votado e o Consello Político limitouse a aprobar unha resolución xenérica na que se lles pide "ás organizacións políticas de Galiza e Catalunya que esgoten todas as posibilidades para acadar o grupo parlamentar até o último momento".

Desta maneira, como non prosperou a proposta de Lara, a Mesa do Congreso non terá que debater esta terza feira sobre a creación do grupo de IU.

Plan de axuste en IU

Lara alertou no Consello Político que sen o grupo parlamentar “o plan de viabilidade endurécese moito e aféctalle ao conxunto da formación”. Débese, entre outras cuestións, porque a organización non recuperaría os dous millóns que gastou no envío de propaganda eleitoral masivo. “A mobilización está baixo mínimos. Temos que crernos un pouquiño máis como organización. Caemos moitas veces e moitas veces volvemos erguernos”, concluíu o secretario xeral.

O feito de non ter grupo propio podería implicar o despedimento do 60% do cadro de persoal

Fontes de IU barallan que o plan de viabilidade ao que se verá sometida a formación política de non formar grupo de seu podería implicar o despedimento do 60% dos seus traballadores e traballadoras.

Comentarios