A Garda Civil denuncia militantes do BNG por pintaren murais contra a reforma do aborto

O Instituto Armado denunciou esta segunda feira ao concelleiro do BNG de Cambre, Daniel Carballada, e a responsábel comarcal de Acción Feminista na Coruña, Vitoria Louro, por pintaren murais en rexeitamento da reforma da lei do aborto. As dúas persoas poderían enfrontar un xuízo por faltas após pasaren a disposición xudicial. 

bng
photo_camera [Imaxe de arquivo]

A Garda Civil denunciou a 2 militantes do BNG esta segunda feira após identifical@s e cacheal@s por se atoparen nas inmediacións de Cambre pintando un mural na defensa do dereito ao aborto. A acción, que toma parte da campaña que desenvolve a organización frontista  nivel nacional como resposta ao anteproxecto de lei de reforma presentado polo goberno español, rematou co levantamento dun atestado por parte do Instituto armado na que denuncian @s responsábeis da formación por un suposto delito de faltas. 

Daniel Carballada --concelleiro municipal e integrante de Galiza Nova-- e Vitoria Louro --responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG-Coruña-- participaban da pintada xunto cun grupo de militantes que foron tamén "identificados e cacheados", indican desde a organización frontista. Aliás, fóronlles incautados os úteis empregados para a elaboración do mural situado nun muro de contención lateral da estrada Nacional VI á altura do Seixal, na parroquia do Temple. 

"Queren amordazar e criminalizar o dereito a manifestar publicamente opinións"

Desde o Bloque critican con dureza a actuación da Garda Civil no que consideran constitúe un "acto de criminalización" da resposta social. "Con este tipo de procedementos o Estado español retrátase como o que é, un imperio decadente", apuntou Vitoria Louro, ao tempo que denunciou a actitude das forzas de seguridade do Estado das que dixo "teñen que facer uso e abuso do manual de estilo da ditadura franquista para reprimir e someter as voces discrepantes co seu ideal neofascista, que ataca especialmente as mulleres”.

Aliás, o concelleiro nacionalista, Daniel Carballada, criticou con dureza que se leve "diante dun xuíz" unha acción que enmarcou na defensa "dun dereito básico das mulleres" en troca doutros delitos. 

Para a organización frontista este feito inscríbese nos "continuos esforzos por parte do PP de calar a voz da cidadanía, promovendo leis propias dun estado de excepción e redobrando esforzos e recursos en amordazar e criminalizar a xente que exerce o seu dereito a manifestar publicamente a súa opinión" e afirman que actitudes coma esta "non fan máis que acrecentar o compromiso do BNG cunha democracia activa e horizontal, transparente e participativa". 

Após pasaren a disposición xudicial, Carballada e Louro podería enfrontar un xuízo de faltas. 

Comentarios