Galiza xógase hoxe a súa presenza ante unha Unión Europea cada vez máis rexeitada

2,7 millóns de galeg@s están chamad@s ás urnas que elixirán o Parlamento europeo, onde se toman decisións vitais para os sectores produtivos e a economía do país. O nacionalismo de esquerdas aspira a obter de novo acta en Bruxelas nunha cita que pode estar marcada pola alta abstención mais tamén polo castigo ao bipartidismo. Até as 23:00 non haberá resultados oficiais.

bruxelas
photo_camera Parlamento Europeo.

2.506 colexios electorais teñen a palabra neste 25-M, data na que arrinca un novo ciclo continuo de chamadas ás urnas -en pouco máis de dous anos chegarán as municipais, estatais e galegas- mediante unhas eleccións europeas que se presentan cheas de incógnitas, mais tamén con algunhas certezas que xa foron constatadas en campaña ou mesmo nas mobilizacións cidadás dos últimos cursos políticos. 2.7 millóns de galeg@s están citad@s, como o está o resto do Estado e da Unión Europea. É o Parlamento desta última institución o que se decide. Porén, o combate político vai máis alá.

Existen unha chea de indicios que apuntan a que os comicios de hoxe poden bater marcas de abstención, o que dende a esquerda e o nacionalismo non deixan de lembrar que beneficia aos grandes partidos. Con todo, existe outra singularidade nese sentido: o rexeitamento profundo que, cada vez máis, provoca a UE e as súas políticas. Nese feito -alén da resignación que o propia sistema alimenta para perpetuarse- reside unha das chaves do día de hoxe, decisivo malia que non o pareza por moitas razóns.

A UE ten un papel central na ofensiva do neoliberalismo dos últimos anos, que en Galiza xa leva moitos anos facéndose notar desde Bruxelas

Europa (ou sexa Bruxelas, Estrasburgo, a Troika) é elemento central da ofensiva presente do neoliberalismo. Non só nesta crise actual, senón desde xa hai anos, como ben saben os sectores produtivos tradicionais de Galiza, moi reducidos desde a entrada do Estado español no que antes se chamaba CEE. Recorda o nacionalismo de esquerdas que sempre se opuxo ás condicións que impoñían as políticas comunitarias ou agora da Unión, e lembrou tamén en campaña -o BNG- que a súa presenza no Parlamento europeo significou a voz de Galiza nesa instancia.

Porque, malia que a circunscrición electoral é o Estado, Galiza xógase a súa presenza ante a UE. Non semella cuestión menor. O Bloque conta con opcións de renovar escano, compartido con Bildu. Pola súa parte, AGE espera que o número 5 que ostenta na listaxe de Izquierda Unida tamén leve á súa representante a Bruxelas. Ningunha opción ten Compromiso por Galicia, que só espera poder subir un pouco o acadado nas autonómicas. Outro tema son PP e PSOE.

Desmobilizar

Molestos cunha cita electoral que nada bo lles pode brindar, as formacións que manteñen outro modelo tan discutido como o da UE (o español do 78) saben que -a pesar dos seus intentos por desmobilizar- dificilmente sairán reforzados destas eleccións. Todo o contrario. Intentarán centrar o foco na súa loita a dúas bandas -coa posíbel coalición entre eles como pano de fondo agochado- pero a realidade máis interesante mirará para outras forzas, en Galiza BNG ou AGE; no Estado ERC, EH Bildu -moi temidas en Madrid- así como existen interese sobre a posíbel irrupción de Podemos ou Ciudadanos, incluso da ultra-dereita de Vox.  

Cataluña será un dos focos de atención nunha data na que os nacionalismos teñen a esperanza de que a cidadanía traslade a indignación ás urnas

A cuestión catalá, que é a das nacións do Estado, será outro dos puntos de atención dunha xornada moi interesante, na que a esquerda e o nacionalismo galego aspiran a que a xente traslade a súa carraxe ás urnas, fuxindo de resignacións. E que, sobre todo, na que Galiza se xoga ter presenza nunha instancia na que, en realidade, nunca estivo por medio dos mesmos partidos que hoxe agardan que case ninguén vote, e que así poidan salvarse do castigo que senten na rúa.

O resultado, a iso das 23.00 horas, xa que non haberá datos oficiais antes. Si se coñecerá o de abstención, decisivo. Como o son estes comicios.

Comentarios