Galiza votará nunha situación de risco sanitario

Galiza votará finalmente nunhas circunstancias de emerxencia sanitaria inéditas na historia do país. Malia o risco dun rebrote da pandemia nas próximas semanas, tal e como teñen advertido especialistas, Alberto Núñez Feixoo convoca as eleccións galegas para o 12 de xullo, seguindo a data elixida polo presidente vasco, Iñigo Urkullu. Será un proceso electoral diferente, cunha campaña non homologábel a ningunha anterior, cun formato de actos distinto ao habitual e cun escenario absolutamente aberto que fai posíbel calquera resultado final.
Votantes nun colexio de Compostela nas últimas eleccións xerais de 2019 (Europa Press)
photo_camera Votantes nun colexio de Compostela nas últimas eleccións xerais de 2019 (Europa Press)

O anuncio de Alberto Núñez Feixoo non sorprendeu ninguén. Ao longo dos últimos días sucedéronse chamadas e contactos entre o equipo do presidente galego e o do seu homólogo vasco para acordar a data definitiva. Segundo puido saber Nós Diario, no marco desas conversas discutiuse entre a conveniencia de elixir entre o 12 ou o 19 de xullo, decantándose finalmente pola primeira, diante do temor de que o rebrote da pandemia, como consecuencia do comezo da tempada turística, non permitise votar. Aínda así, fontes coñecedoras dos contactos recoñeceron o temor a que as eleccións non puideran realizarse, obrigando Feixoo e Urkullu a desconvocar por segunda vez os comicios.

O mandatario galego referiuse a esta posibilidade na súa rolda de prensa de onte: "O decreto de convocatoria coido que estabelece nun parágrafo, non na parte dispositiva pero si na exposición de motivos, que unha das circunstancias que nos leva a escoller o 12 de xullo é que no caso de que haxa que volver suspendelas aínda habería posibilidade de intentar unha terceira data dentro do período máximo que marca a lei en catro anos de lexislatura". Feixoo sinalou que o domingo 12 de xullo "era o de menor incerteza".

Unhas eleccións en emerxencia sanitaria

O presidente galego acudiu aos informes encargados pola Xunta para xustificar a data das eleccións. "Todos os expertos coinciden en que é máis prudente realizar as eleccións canto antes", afirmou Feixoo, quen indicou que "a convocatoria das eleccións galegas resúltame tan inoportuna como ao que máis, pero a lexislatura remata". "O maior risco que temos neste momento para que circule máis o virus na Galiza é a chegada de milleiros de turistas", recalcou, destacando que "os expertos, por escrito, dinme, que a partir da terceira semana de xullo hai máis risco, e cada mes que pase aínda máis, e que en outono pode haber brotes e rebrotes".

As eleccións galegas van decorrer nunhas circunstancias de emerxencia sanitaria que obrigan á aprobación de actuacións de seguridade extraordinarias. Nesta liña, desde a Consellaría de Sanidade recomendan "estabelecer medidas ad hoc, tanto nos colexios electorais como na propia campaña electoral para garantir a seguridade das participantes no proceso electoral". O director do centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias estatal, Fernando Simón, evitou pronunciarse sobre se a cita era ou non axeitada mais puxo de manifesto que "haberá que pór sobre a mesa mecanismos para evitar riscos e contaxios" e "cumprir as normas de seguridade coñecidas por todo o mundo".

Feixoo non foi quen de precisar as medidas previstas polo Goberno galego para garantir a saúde das persoas participantes no proceso electoral. Malia sinalar que "as eleccións terán lugar con todas as garantías de seguridade sanitaria, con independencia de onde se vote, da idade que se teña e para as persoas que estean presentes nas mesas electorais", o presidente galego non concretou o contido nin a cobertura das mesmas. Así, interpelado sobre a obriga legal de participar nas mesas electorais as persoas sometidas a confinamento, afirmou que "acabo de solicitar á Xunta Electoral unha interpretación flexíbel das persoas que poidan ser designadas electas para as mesas electorais. Entendo que unha persoa confinada pode alegar este feito incontestábel e que a Xunta aceptará esa alegación".

Unha campaña diferente

A campaña electoral vai ser distinta a todas as anteriores. Aínda que o presidente galego expuxo que por razóns de orde legal se manteñen os 15 días de campaña previstos e que non se vai reducir o seu período adiantou que a intención do Partido Popular é diminuír a súa duración. Xa o insinuara nunha comparecencia pública decorrida na sexta feira. Na mesma liña, deu por feito "as limitacións para o número máximo de persoas nos mitins no interior e no exterior" e un novo formato de campaña, onde "imos suxerir que diminúa o número de persoas que acudan aos nosos actos".

"É costume realizar un debate televisado nos medios públicos da Galiza e estou a favor de manter ese costume", respondeu Feixoo, abríndose a posibilidade de contrastar as súas propostas coas doutras candidatas. Se en anteriores comicios os debates televisados resultaron chave na decantación dunha porcentaxe de voto, nesta ocasión a súa importancia é aínda máis decisiva polas particulares circunstancias do proceso electoral e pola ausencia dunha campaña normalizada. Neste sentido, diferentes analistas consultados por Nós Diario coinciden no papel fundamental do debate e dan por feito que os candidatos se disputarán nel unha parte das súas posibilidades.

As eleccións preséntanse moi abertas e ninguén se atreve a facer unha previsión sobre o seus resultados. "Estamos nunha situación excepcional, queda moito tempo aínda para acudir ás urnas, non sabemos cal vai ser o nivel real de participación e as mudanzas no estado de opinión son permanentes, polo que non é posíbel facer previsións", sinala a Nós Diario un responsábel dunha empresa sociolóxica para definir o momento político na Galiza.

A oposición prima o dereito á saúde

As forzas políticas da oposición parlamentaria expresaron o seu rexeitamento á data electoral proposta por Feixoo e chamaron a situar no primeiro plano da axenda política a loita contra a pandemia do coronavirus.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, amosou a súa desconformidade coa data electoral proposta por Feixoo, mais afirmou que o seu partido esta "preparado" para afrontar os comicios. "Feixoo impón un calendario electoral que os galegos e galegas non compartimos, está a escribir as súas últimas palabras á fronte do Goberno da Xunta", manifestou Caballero.

O dirixente socialista asegurou que o seu partido aposta nun "proxecto de compromiso coa sanidade pública, o estado do benestar e unha política de reconstrución ao servizo da cidadanía para que ninguén quede na cuneta na saída desta crise".

O candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, definiu a convocatoria electoral como unha "irresponsabilidade histórica" atribuída "á ambición política e persoal" de Feixoo e abriu a porta a "todas as medias legais" para garantir que a convocatoria electoral "non poña en risco a vida dos galegos"."Se vai haber vidas en risco, imos empregar todas as medidas legais ao noso alcance", sinalou o portavoz de Galicia en Común, que considerou que a propia proposta de Feixoo de facer unha "campaña reducida" evidencia que "non se pode convocar" con garantías.

"Cada día que pasa aparecen novos datos de problemas en residencias que non foron medicalizadas e intervidas, novos datos do que significaron os recortes no ámbito sanitario. Isto pon en dúbida unha xestión neoliberal, austericida e especialmente eses datos o que fan é que nunha situación de máxima tensión non esteamos debidamente preparados", indicou Gómez Reino.

Dous debates na TVG?

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, volveu rexeitar a convocatoria duns comicios en xullo polo seu risco para a saúde, diante dun posíbel "rebrote en calquera momento, moito máis grave" da pandemia e demandou dous debates entre os candidatos nos medios de titularidade pública. Salientou que "esta ten que ser unha campaña onde os debates teñan un papel máis importante, dous como mínimo. Estamos dispostas a ir a cantos debates nos convoquen. Un debate non é un capricho, é unha necesidade".

"Non podemos furtarlle ese dereito á cidadanía e, para iso, é necesario que os medios públicos non sexan unha canle ao servizo do PP e se lles permita acceder a todas as forzas políticas para presentar propostas e alternativas", indicou Pontón, que afirmou a intención do BNG de "traballar con todo o entusiasmo para un cambio galego, necesario antes da COVID-19 e agora imprescindíbel".

O dirixente de En Marea, Pancho Casal, adiantou que nos vindeiros días a súa formación "convocará un plenario telemático para que sexan as inscritas quen decidan sobre a concorrencia ás eleccións". Porén cuestiona a data escollida por facer coincidir parte da campaña durante o estado de alarma. A falta de que a formación resolva de forma definitiva a incógnita sobre a súa participación nos próximos comicios, Cerna, un dos colectivos integrante de En Marea expresa o seu rexeitamento sobre a data electoral escollida. "Co nivel de coñecemento que ten a comunidade científica neste momento, é temerario facer predicións sobre o mellor momento para a convocatoria electoral, sendo o máis responsábel non convocar namentres non se teñan certezas", recollía esta organización política nun comunicado enviado aos medios a pasada semana.

Comentarios