A Galiza terá aínda menos recursos en 2022 para poder saír da crise

O Executivo galego deu inicio á elaboración dos orzamentos da Xunta para o ano 2022 coa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) das normas polas que se rexerán estas contas orientadas, segundo recolle a orde, a "impulsar a recuperación económica e o emprego". Mais o certo é que xa parten da base dunha redución dos recursos para saír da crise.
O conselleiro Valeriano Martínez asinou a orde que marca o inicio da preparación das contas (Foto: Mauro Bastón / Europa Press)
photo_camera O conselleiro Valeriano Martínez asinou a orde que marca o inicio da preparación das contas (Foto: Mauro Bastón / Europa Press)

A orde do Diario Oficial da Galiza (DOG) publicada este 30 de xuño e rubricada polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, dá inicio á elaboración dos orzamentos da Xunta para 2022 e sinala que "unha vez que empeza a estar baixo control a situación sanitaria", a recuperación económica, o emprego e o modelo de desenvolvemento futuro pasan a ocupar "un papel protagonista nos obxectivos do orzamento".

Tras apuntar que a Comisión Europea elevou as previsións de crecemento para España, lembra que a UE puxo ao dispor dos Estados membros unha serie de recursos financeiros reintegrábeis e non reintegrábeis para facilitar que se aproveite a recuperación modernizando a estrutura económica.

Para iso, destaca que a Xunta elaborou unha estratexia Next Generation que fixa as liñas de actuación para a recuperación da capacidade produtiva e o emprego. Ademais, apunta que o desenvolvemento dunha economía verde e circular, a innovación e o deseño deben colaborar a estabelecer unha mellor imaxe de marca das empresas galegas.

Diminución de recursos

Para alén dos enunciados, a orde contempla que, por unha banda, a achega de recursos extraordinarios para paliar as urxencias da Covid-19 desaparecerán o próximo exercicio e, con elas, o gasto non consolidábel que financiaban. Por outra banda, indica que non se espera unha evolución favorábel dos recursos do sistema de financiamento debido á liquidación do exercicio 2020, que detraerá recursos orzamentarios en 2022 no canto de realizar achegas como ocorre na normalidade.

A iso, conforme indica Facenda, hai que engadir a senda marcada polo Ministerio de Facenda, que pasa dunha taxa de referencia do déficit de 1,1% do PIB territorial a 0,6% en 2022, o que suporá "unha nova contención dos recursos non financeiros". Ante iso, as instrucións publicadas no DOG apuntan que os orzamentos darán prioridade ás políticas de gasto encamiñadas a reforzar a sanidade e a educación, e ao apoio aos máis vulnerábeis fronte á crise, co foco nas actuacións de fomento dos principais sectores da economía.

Mais todo indica que as futuras contas están encamiñadas a ter investimentos inferiores ás deste ano, aprobadas o pasado 26 de xaneiro no Parlamento galego e que foron reivindicadas pola Xunta como "as máis sociais da historia" con 11.563 millóns de euros (13,9% máis altas que as de 2020, sen teren en conta os 101 millóns do capítulo de instrumentos financeiros). Con todo, e a pesar de seren os orzamentos chamados a facer fronte á crise, non son os máis altos da historia e fican por baixo dos de 2009 (as últimas do Goberno da Xunta formado por PSdeG e BNG), que contaban con máis de 11.792 millóns de euros.

Máis dunha década despois da chegada de Núñez Feixoo á Xunta os orzamentos seguen á baixa, e todo indica que a diferenza será, debido á caída de recursos prevista, moi inferiores para o ano que vén. Nas contas deste ano, a oposición cargou as tintas especialmente en sanidade, pondo de relevo que a Atención Primaria ten até 45 millóns de euros menos que hai 11 anos. 
 

Comentarios