Galiza súmase á maré de apoios internacionais ao referendo catalán

ANC
photo_camera ANC-Galiza

Galiza con Catalunya foi a primeira en se presentar publicamente. Conformada por distintas organizacións políticas e colectivos sociais, lanzou un manifesto na procura de adhesións --individuais e colectivas-- que apoien o referendo de autodeterminación catalán convocado para o vindeiro 9 de novembro. 

Perante o que consideran unha "encrucillada histórica" para Catalunya, desde este colectivo amósanse cert@s de que "non será sinxelo nen doado" que a consulta se chegue a producir mais, subliñan, "queremos transmitir a nosa solidariedade co pobo catalán e o noso apoio perante os entraves de todo tipo que interpón o Estado Español". 

No concreto, acrecentan no manifesto pendurado no seu portal web, "manifestamos o noso apoio expreso á celebración da consulta de 9 de novembro e o noso rexeitamento á prohibición da voz do pobo" así como o "direito do conxunto dos Países Cataláns" a "decidiren o seu futuro". 

O 11 de setembro Galiza con Catalunya convoca un acto simbólico na Praza da Quintana coincidindo coa Diada

Para os distintos axentes políticos e sociais que impulsan Galiza con Catalunya "a cuestión nacional" é --para alén do máis-- "o auténtico calcañar de Aquiles do espurio rexime instaurado na Transición" e, neste senso, "o principal vector de ruptura do sistema en todas as súas dimensións", acrecentan. 

Así pois, "se o Estado Español rompe por fin", afirman, "todo estará aberto e en xogo de novo, a comezar polas liberdades nacionais de Galiza e Euskal Herria". 

Após a súa presentación pública, Galiza con Catalunya organiza o seu primeito acto que farán coincidir coa celebración da Diada o 11 de setembro e chaman a toda a sociedade a se sumar na Praza da Quintana á construción dunha 'V' humana como a que terá lugar en Barcelona. Será ás 19.00 horas desta quinta feira. 

A ANC chega a Galiza

Pola súa banda, distintas persoas de orixe catalá mais residentes no noso país presentaron esta segunda feira en Compostela a sección galega da Assemblea Nacional Catalana. En comparecencia de imprensa, a súa secretaria, Susana Montesinos explicou que a iniciativa nada "da sociedade civil catalá" loita "pola independencia e a emancipación da nación" de maneira, dixo, "pacífica e democrática". 

Así mesmo, subliñou a presenza da ANC en 26 países entre os que tamén se atopa Galiza, á fin de socializar "os valores da democracia participativa" e pular, desde distintos puntos do globo, polo desenvolvemento do referendo o vindeiro 9 de novembro. 

Comentarios