“A Galiza róubaselle o seu aforro coa connivencia do PP”

Unha proposta do BNG para crear o Instituto Galego de Crédito e Investimento abre no Parlamento un debate sobre a carencia de instrumentos de financiamento ao servizo do tecido empresarial e social do país. 

Carme Adán

A Comisión de Economía debateu esta cuarta feira unha proposta do BNG para crear un 'Instituto Galego de crédito e investimento', un instrumento, en palabras d@s nacionalistas, “principal da política de crédito público do Goberno Galego”. Unha “entidade pública empresarial con personalidade xurídica propia” para que o goberno galego poidese adoptar medidas de apoio financeiro á economía real galega, pemes e familias. A iniciativa contou co apoio de AGE e PsdeG, mais a oposición do PP condena a proposta, com o moitas outras, a caer na lixeira.

Malia ese destino, a iniciativa serviu para volver poñer sobre a mesa do Parlamento galego debates como o ermo que deixou a finiquitación do sistema financeiro galego ou ben a fenda xigantesca aberta entre o aforro galego e o crédito que se concede no noso país. A deputada nacionalista Carme Adán lembrou que por cada 100 euros de depósito que hai en Galiza concédense 76 euros en créditos. “En 2009 a relación era de 100 euros en depósito e 136 de crédito”. Unha liña na que abondou na súa quenda Yolanda Díaz (AGE), que acusou o goberno Núñez Feijjóo de “cargarse o sistema financeiro deste país”.

Para Sánchez Bugallo (PSdeG), en Galiza os niveis de aforro están en 56.000 millóns mentres que os créditos que se conceden no país andan polos 47.000 millóns. “Exportamos 9.000 millóns de euros que van para créditos noutros territorios lembrou”. Para Adán, a Galiza “róubasdelle crédito coa connivencia do PP”.

Nada disto inmutou Pedro Arias (PP); que desbotou a proposta nacionalista por “non ser seria” e afirmou que o Partido Popular tocoulle “xestionar os residuos” de prexuízos que no sistema financeiro galego deixou o bipartito. Unha etapa, a do goberno de socialistas e nacionalistas, que, dixo, fixo que a economía galega “se financiase con endebedamento externo”.

Comentarios