Galiza rexistra 42,95% de participación, cifra semellante á das anteriores eleccións

A participación nos comicios galegos sobe 0,46 puntos ás 17 horas, tendo xa votado a esa hora da tarde 42,95% do censo electoral, unha cifra similar á das eleccións galegas de 2016.
votacion burela mariña (1)
photo_camera Fileira de votantes en Burela (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

A participación nas eleccións ao Parlamento da Galiza deste domingo 12 de xullo ascendeu a 42,95% até as 17, unha porcentaxe que se sitúa en niveis similares aos dos comicios galegos de 2016, cando era de 42,49% á mesma hora. Nesta ocasión está 0,46 puntos por encima de hai catro anos.

Así o indicou o director  xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, nunha comparecencia ante á prensa ás 17.30 horas para dar conta da evolución da xornada electoral.

Hai unha lixeira suba de participación nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, mentres que baixa nas de Ourense e Lugo, onde precisamente o PP adoita sacar mellores resultados. Por circunscricións: na Coruña compútase 42,84% de participación (aumenta 0,82 puntos) e na de Pontevedra votou 43,60% do censo (sobe 1,31 puntos). Na circunscrición de Ourense votou 42,69% (descende 1,80) e na de Lugo a participación acada 41,89% (cae 0,84 puntos).

Na comarca da Mariña Central, epicentro do rebrote do coronavirus, a participación descende 1,25 puntos, con 41,01% de participación fronte ao 42,26% rexistrado en 2016. Baixa, aínda que menos, na Mariña Oriental, con 0,90 puntos de caída, pasando de 45,09% rexistrado en 2016 a 44,19%. Pola contra, sobe na Mariña Occidental 2,5 puntos (pasando de 45,2 a 47,52%).

Até as 12 horas a participación alcanzaba 19,42%, cifra que se situaba 4,41 puntos por encima da rexistrada a esa hora na convocatoria electoral de 2016.

Comentarios