A Galiza recibirá finalmente 224 millóns polo IVE de 2017

A Xunta outorga "un mes de prazo" ao Goberno español para que este dea unha resposta satisfactoria sobre a repartición de fondos europeos para o emprego, ao considerar que hai unha "discrecionalidade" que prexudica a Galiza. Unha vía, a xudicial, que o Goberno galego xa seguiu para reclamar ao Executivo español o pagamento do IVE de 2017.

david cabezón ep
photo_camera O Consello da Xunta trasladouse a Ferrol para a súa sesión semanal (Foto: David Cabezón / Europa Press)

"Cremos que nos fondos europeos para emprego o Goberno español toma decisións en contra dos intereses da Galiza", dixo Alberto Núñez Feixoo onte, na súa comparecencia após o Consello da Xunta que con carácter extraordinario se realizou en Ferrol.

O mandatario advertiu que decidiran dar "un mes" de prazo" ao Executivo estatal para que responda aos requirimentos feitos desde a Xunta pedindo explicacións sobre a repartición deses fondos. Se non hai resposta ou esta non é satisfactoria, "interporemos un recurso ante o Tribunal Supremo polo escurantismo na distribución das políticas activas de emprego", afirmou Núñez Feixoo.

Afirmou que dos 1.141 millóns dos fondos da UE ao Estado para esas políticas, o Goberno español "ficou" para si con 454 millóns "que corresponden ás autonomías". E, denunciou, está a distribuír eses fondos cun criterio "escurantista" e "discrecional". Polo momento, dixo Feixoo, xa repartiu nove millóns, todos, sinalou, "para catro autonomías do PSOE".

IVE, tamén polo Supremo

Afirmou Núñez Feixoo que fora grazas ao recurso da Xunta ante o TS que as autonomías van cobrar agora o IVE que se lles debía de 2017. "No Consello de hoxe [por onte], aceptamos a proposta do Goberno español para pagarnos eses 211 millóns de euros, máis 13 millóns en xuros de demora, por ese IVE", acrecentou.

O novo portavoz socialista no Parlamento, Luis Álvarez, reprochara esta semana a Núñez Feixoo na sesión de control ao presidente que estea a empregar os fondos como desculpa para atacar o Goberno español.

Así, argumentara o socialista, Feixoo falaba de discriminación na repartición de fondos para o emprego, "mentres a Xunta executou menos da metade dos fondos para emprego en 2020". 

Unha baixa execución en diferentes capítulos, criticou, como os de fondos de FP e desempregados ou de melloras para a cualificación para o emprego, esta última cun “escandaloso 2% de execución”.

Igrexa e abusos

Na quenda de preguntas, pediuse a opinión do presidente galego sobre a petición no Congreso de investigar os abusos sexuais na Igrexa, ao que respondeu que descoñecía polo miúdo tal proposta mais indicando que calquera abuso sexual lle parecía "execrábel", se ben evitou centrarse nos cometidos por esta institución.

Tamén anunciou varios acordos do Consello que decorreu en Ferrol, como o de destinar 8 millóns de euros a plantacións de coníferas e frondosas, nunha superficie que sumaría 4.000 hectáreas e con especies como o piñeiro, o teixo, o carballo ou o castiñeiro.

Outro acordo foi declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Pardo Bazán en Meirás, que Feixoo cualificou como "única". 

Comentarios