ANA PONTÓN

"Galiza precisa un novo estatus dentro do Estado que a recoñeza como nación"

A portavoz do BNG, Ana Pontón, advirte que Galiza non pode quedar atrás ao respecto do estatus que avancen outras nacións como Euskadi ou Cataluña.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

“Galiza debe avanzar en capacidade de decisión e soberanía sobre aqueles asuntos que son esenciais para o noso futuro”. Así de rotunda amosouse a portavoz do BNG, Ana Pontón, este domingo nunha entrevista na Radio Galega na que volveu pedir para Galiza “un novo estatus político dentro do estado” e “avanzar nun marco no que se recoñeza a Galiza como nación”.

“Galiza, que ten xa neste momento o recoñecemento de nación histórica, non pode quedar atrás ao respecto do estatus que avancen outras nación como Euskadi ou Cataluña”, advirte Pontón, que non quere un estatuto “como está definido agora”, senón que sexan as galegas as que definan esa formulación.

“Temos dereito a poder decidir o noso futuro. Sorpréndeme que o Goberno esté sempre en contra de avanzar en dereitos”. “Sempre vai haber quen diga non, pero eso non vai ser impedimento para que o debatamos. Sería positivo facelo, porque se avanza en democracia”, indicou Pontón, quen destacou que “nos xogamos moito na configuración do Estado”

Ademais, recordou que hai algo que sucede nas tres nacións, “que cando outros deciden por nós, os nosos intereses non están ben defendidos”. “Ten que haber movementos porque hai demandas que se están plantexando”, engadiu.

Protagonismo no Congreso

No transcurso da entrevista, Pontón foi preguntada polo proceso de negociacións para a conformación dun novo Goberno en Madrid. A este respecto, resaltou a importancia de que a negociación teña un bo resultado, aínda que o debate necesita “certa calma”, para acabar coa “estafa” da AP-9, a crise das industrias electrointensivas, a perda de postos industriais, o mal funcionamento do ferrocarril e cuestións medioambientais como pode ser o estado das rías.

Pontón aproveitou para destacar que “neste mes de nova lexislatura falouse máis de Galiza que nos últimos catro anos”. “Non estamos nun momento de liñas vermellas, pero se non hai compromisos con Galiza non podemos dar voto afirmativo a ningún Goberno”, afirmou.

Ao respecto da formación do grupo mixto, a portavoz naciona do BNG amosouse “optimista” con que “a vindeira semana” se poida solucionar a división do Grupo Mixto, o que daría “maior capacidade de iniciativa e más tempo para que Galiza esté presente” no Congreso.

O 'vacile' do AVE

Máis crítica foi co anuncio da chegada do AVE a Galiza. Pontón considerou “un vacile” o baile de cifras dos Gobernos de Aznar, Zapatero e Raxoi. “Un pitorreo que nos demostra a falta de compromiso coas infraestructuras básicas que necesita o país”. Por eso esixiu que se finalicen as obras “e deixen de marearnos con mentiras”. Pediu, ademais, que o tren chegue nas mesmas condicións que noutros territorios e un “compromiso real” co resto da rede ferroviaria galega “pensado desde as necesidades da Galiza”.  

Co foco xa nas eleccións de 2020, Pontón asegurou que o vindeiro será “o ano do cambio político”, xa que o PP “non ten nada que ofrecer, e deixa unha Galiza con menos emprego e coa sanidade contra as cordas”. “Imos ir a por todas para liderar o cambio político”, dixo a portavoz nacionalista, que non quixo adiantar “escenarios nin acontecementos” sobre posíbeis cualicións.

Comentarios