Antón Baamonde

"Galicia está perdendo identidade cultural e política"

É un dos pensadores galegos aos que sempre hai que ter en conta. Antón Baamonde é quen se debruza esta sexta feira sobre a xanela do #VenhanMáisCinco.

Baamonde

-Como avalías o estado actual da política galega?

-A cuestión de fondo é que Galicia está perdendo identidade cultural e política, tirou polo vertedoiro un sistema financeiro que, de todos modos, estaba en mans de xente cuestionable, está reducindo o tamaño do seu sector público -é dicir, esta esquilmando o seu Estado do Benestar- e a súa economía depende enteiramente dos ciclos e da orientación da española. Dito en xeral: a modernización que se está impoñendo vai, na miña opinión, en dirección inversa aos seus intereses materiais e morais. A pregunta é por que isto é así, por que os votantes premian ese horizonte. Se é pola incapacidade do que hai enfronte do PP de fraguar un programa e una alternativa de goberno –isto é claro que é así- ou, de xeito máis profundo pola visión tácita da poboación de que o estado central é o garante do seu benestar… Nun sentido superficial o PP teno todo a favor –a prensa, os empresarios, a máquina do Estado- , incluíndo una oposición que, cada unha á súa propia maneira, está desnortada. 


-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-Aparentemente, que nada cambie… excepto a explosiva situación europea e mundial que ninguén sabe que rumbo pode tomar e que consecuencias poda ter para España e Galicia... e o que poda suceder en España, especialmente con ese punto de inflexión que vai supor a crise que se aveciña con Cataluña. Se o Estado vence, o proceso de recentralización pode tornarse irreversible, caso contrario Galicia pode ter algunha oportunidade de retomar un camiño propio, autónomo. Pero non parece que se poda esperar moito das forzas políticas galegas. A súa incapacidade de imaxinar, e construír, escenarios é case asombrosa. 

Supoño, iso si, que o BNG seguirá no seu camiño, que a Marea terá que vivir procesos de decantación e tal vez de escisión –entre Podemos e o lado nacionalista- e que o PSdG seguirá o camiño xeral do PSOE, sexa este cal sexa. Pero será moi difícil que, senón o fixeron ata agora, constrúan pontes, dean a sensación de contar coa xente máis competente, elaboren un programa mínimo compartido e, en xeral, sexan fiables para una poboación que cre pouco nas súas virtudes. Así que Feijóo vive tranquilo, feliz, exultante. Ten una oposición incapaz e una prensa na que só se escoita una voz: a súa propia. Supoño que volverá a gañar: el ou un confrade. 

Supoño, iso si, que o BNG seguirá no seu camiño, que a Marea terá que vivir procesos de decantación e tal vez de escisión –entre Podemos e o lado nacionalista- e que o PSdG seguirá o camiño xeral do PSOE
 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-O gran problema cultural e político de Galicia é a ausencia de medios de comunicación que expresen o punto de vista da outra Galicia. Esa Galicia que, coa súa diversidade e contradicións propias ten dereito a posuír una visión propia e a recorrer sendas alternativas. Sen medios que cristalicen e catalicen esa poboación e que teñan capacidade de xerar una axenda propia non hai nada que facer. A mente do país seguirá sendo conformada polos grandes medios madrileños e polos medios galegos que comparten 90% dos puntos de vista deses medios, que son practicamente todos. 

Comentarios