Galiza Nova presentará en Compostela as máis de 400 mozas que forman parte de candidaturas do BNG

O acto terá lugar o vindeiro sábado 6 de maio, ás 12 horas, no Xardín das Pedras que Falan, en Compostela, aínda que no caso de choiva será na Sala Malatesta.
Marta Gómez e Daniel Castro esta terza feira na presentación do acto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marta Gómez e Daniel Castro esta terza feira na presentación do acto (Foto: Nós Diario).

A Secretaria Xeral de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, Marta Gómez, e o deputado do BNG no Parlamento Galego – que tamén exerce a responsabilidade de política institucional na organización xuvenil – Daniel Castro, presentaron esta terza feira o acto central de precampaña das municipais no cal presentarán ás máis de 400 mozas e mozos que forman parte das candidaturas do BNG ás eleccións do 28-M.

O acto terá lugar o vindeiro sábado 6 de maio, ás 12 horas, no Xardín das Pedras que Falan, en Compostela, aínda que no caso de choiva será na Sala Malatesta, e contará coas intervencións de Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía de Compostela, Carmela Franco, candidata do BNG á alcaldía das Pontes, a propia Marta Gómez e Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG.

“É unha realidade que cada vez hai máis mozas e mozos interesados en participar en política e interesados no nacionalismo galego, que buscan contribuír ao cambio político que necesita este país”, sinalou Gómez.

“A demostración está en que son máis de 400 as mozas e mozos que conforman as candidaturas do BNG a estas eleccións municipais, con este acto o que queremos é dalas a coñecer tanto a elas como ás propostas que dende o BNG se defenderán nas corporacións para que a mocidade poidamos desenvolver os nosos proxectos de vida nos nosos concellos”, acrecentou.

A mocidade e o BNG

Pola súa parte o deputado nacionalista, Daniel Castro destacou  “o importante que é a mocidade para o proxecto do BNG, xa que ademais de apostar polos mozos e mozas deste país para as nosas candidaturas tamén se ten en conta as súas propostas para lograr uns concellos con máis futuro para os máis novos”.

De igual maneira, tamén fixo fincapé en que “ a gran maioría dos mozos e mozas deste país van ter unha papeleta do BNG no seu concello onde poderán escoller representantes mozos para as súas vilas e cidades”.

Ao remate das intervencións políticas, o acto fechará coa intervención musical da DjMisa e prolongarase ata aproximadamente até as dúas da tarde.

Comentarios