Galiza Nova impulsa máis de 30 actos por todo o país na IV Semana da Patria

Un programa que se desenvolve entre o 14 e 23 deste mes e que porá o ramo o 24 de xullo coa Homenaxe a Rosalía e Castelao.

gALIZA nOVA SEMANA DA PATRIA
photo_camera A presentación decorreu ao pé do Museo do Pobo Galego, en Compostela

Galiza Nova presentou os actos que se desenvolverán do 14 ao 23 de xullo no marco da IV Semana da Patria e que terán o seu remate na tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao que a organización xuvenil do BNG celebra o 24 de xullo en Bonaval.  Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova e as integrantes do grupo musical Brassica Rapa, Andrea Pérez e Ainara Geada, animaron a participar neste acto político onde tamén participará a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

Paulo Ríos, destacou que nesta IV Semana da Patria "haberá máis de 30 actos por todo o  país ". Informou  ademais de que os actos serán de diversa índole, desde coloquios sobre a cultura galega ate concertos. "Queremos que esta semana sirva para sumar máis mocidade na loita pola nosa plena soberanía nacional, da capacidade de decisión que nos permita construír unha nova Galiza na que a mocidade non sexa expulsada por milleiros á emigración, polo desemprego e a precariedade", sinalou.

 "Homenaxeamos dúas figuras que están sendo institucionalizadas polo Goberno da Xunta de Galiza do PP que nunca confiou en coñecelas e dalas a coñecer e divulgar toda a súa obra e o seu pensamento" 

Esta xeira de actos culminará coa realización da xa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao. "Homenaxeamos dúas figuras que están sendo institucionalizadas polo Goberno da Xunta de Galiza do PP que nunca confiou en coñecelas e dalas a coñecer e divulgar toda a súa obra e o seu pensamento" destacou Ríos.

Reivindicou a Homenaxe como "un acto necesario para que a mocidade galega coñeza a súa propia historia” e destacou que neste último ano "Galiza Nova foi sumando xente nova ao proxecto xuvenil nacionalista sendo este acto un punto de encontro previo cara á nosa XVI Asemblea Nacional".

Durante o encontro, anunciou, intervirán Sabela Méndez, militante de nova incorporación e natural do Rosal e o secretario xeral da organización xuvenil e tamén deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos. Asemade, a voceira nacional do BNG e líder da oposición Ana Pontón, tomará a palabra en último lugar, seguido da intervención musical de Brassica Rapa e a tradicional ofrenda floral onde repousan Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.  

O acto desenvolverase o vindeiro 24 de xullo ás 17:00h no Parque de Bonaval.

comentarios