Galiza Nova fecha un proceso de debate "amplo" coa XIII Asemblea Nacional

A organización xuvenil do BNG enfronta a cimeira deste domingo co "reforzo" da súa base social e a procura dun "maior dinamismo" no albo.

Cartaz AN_GN

Galiza Nova desenvolverá a súa XIII Asemblea Nacional o domingo 23 de Novembro. Unha xornada de "debate" e "reflexión" que servirá de encerramento a un "proceso amplo" e "aberto" co que visa deseñar as súas "estratexias" e "alternativas" para dar resposta "á situación actual que atinxe a mocidade". 

En conversa con Sermos Galiza, Alberte Mera explica que a organización xuvenil nacionalista quere "non só actualizar" as súas teses nesta nova cimeira, senón que se marca como obxectivo "reforzar" a formación e "pular por un maior activismo social" da súa militancia. 

O que foi nos últimos dous anos secretario xeral de Galiza Nova, e que agora concorre de novo á re-elección, afirma que "estamos perante un momento de importantes mudanzas" no eido social, político e económico. Un contexto no que, di, "é preciso deseñar alternativas contra a emigración xuvenil" e o "desemprego" que atinxen a mocidade galega. Mais tamén, enfatiza, "sentar novas bases" para "construír un país con futuro; un país noso, novo, ao servizo do pobo" e, con el, "da mocidade". 

"É preciso sentar novas bases para construír un país con futuro, ao servizo do pobo e da mocidade"

Neste senso, Galiza Nova debaterá uns textos que foron pendurados xa na súa páxina web e que son o resultado, explica Mera, "das achegas e propostas" realizadas nas "asembleas locais, comarcais mais tamén nas asembleas abertas" desenvolvidas pola organización xuvenil desde "o pasado mes de xuño". Neste senso, e por vez primeira, a organización xuvenil incorpora simpatizantes ao cónclave que "terán voz" nas discusións da Asemblea.

Nos documentos que serán sometidos a debate, a formación xuvenil do BNG debrúzase sobre "os problemas" da mocidade galega mais tamén propón "alternativas" que pasan --á espera de seren aprobadas o domingo-- pola "auto-organización" e a loita a prol dun "outro sistema político e económico para Galiza", indica. Mais tamén, fará repaso do traballo desenvolvido nos últimos dous anos. 

Galiza Nova aposta nos seus textos pola "auto-organización" e a loita a prol dun "outro sistema político e económico para Galiza"

Entre as principais cuestións recollidas nos textos, Mera salienta que "non é só un proceso interno de actualización" de teses "senón de re-organización cara á un maior activismo social e a ampliación da base do nacionalismo". Neste senso, acrecenta, "queremos facer de Galiza Nova unha organización máis dinámica e activa nos movementos sociais, cun discurso e fórmulas de actuación máis pedagóxicas" co obxectivo, sinala, "de evidenciar que as solucións aos problemas da mocidade galega virán de nós mesmos". 

"A mocidade ten a oportunidade" no contexto actual de "mudalo todo", enfatiza tomando como referente o lema elixido para o encontro, mais partindo da base, acrecenta, de que "no curto prazo o que está en xogo é a supervivencia da propia nación".

Comentarios