Galiza Nova escolle a Alberte Mera como secretario xeral

A organización xuvenil do BNG desenvolveu este domingo en Compostela a súa XII Asemblea Nacional. Na mesma resultaron aprobados o informe de xestión, as teses e resultou electa unha nova Dirección Nacional.
Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova
photo_camera Alberte Mera, novo secretario xeral de Galiza Nova

Preto de trescentas mozas e mozos fixeron parte da XII Asemblea Nacional de Galiza Nova, que realizou este domingo a súa sesión plenaria nun ateigado salón da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Compostela.

A sesión da mañá estivo centrada no debate do Informe de Xestión no que se daba conta do traballo realizado pola organización xuvenil nacionalista nos últimos tres anos. O informe resultaría aprobado con máis do 70% dos votos. Pola tarde tería lugar o debate das emendas, provintes do debate nas asembleas comarcais, ás teses políticas e organizativa proposta. Das 71 emendas que superaron o proceso comarcal e chegaron ao plenario, a meirande parte destas xa foran aceptadas previamente pola Dirección Nacional saínte ou se lle formularan transaccións, que na súa amplísima maioría contarían co voto favorábel da militancia. As teses resultaron aprobadas tamén por ampla maioría.

Por derradeiro, a Asemblea Nacional procedeu a escoller a nova Dirección Nacional, composta por 25 integrantes e á que se sumarán as e os responsábeis das Asembleas Comarcais, que abordarán o proceso de renovación orgánica ao longo dos vindeiros trinta días.

A candidatura presentada, que encabezaba o vigués Alberte Mera García contou co apoio de case o 80%. Desta maneira convértese no novo secretario xeral de Galiza Nova en substitución de Iria Aboi --quen por razóns de idade deu por concluída a súa militancia xuvenil que encetara con apenas 13 anos. A listaxe elixida era paritaria en xénero e conta cunha importante representatividade territorial, con presenza de persoas de todas as comarcas nas que está organizada GN. Pola súa banda farán parte da nova Comisión Permanente (organismo executivo): Daniel Candal, Alba Feixóo, Inma García, Iago Gómez, Antía Insúa, Gael González, Olalla Rodil, Roi García, Lucía Vecino e máis o propio Alberte Mera.

O acto de clausura principiou cun recoñecemento ao “traballo e entrega” de Iria Aboi que recibiu unha ovación do plenario, e á que se lle fixo entrega de dous agasallos, unha composición de fotografías e máis unha figura de Castelao. Visibelmente emocionada, Aboi advertiu con agarimo que “seguirá a ser de Galiza Nova sempre” e chamou á militancia a “seguir a traballar coa constancia, persevarancia e ilusión destes anos”.

Loitar por un novo modelo económico e social

O novo secertario xeral centrou a súa intervención en cargar contra as políticas do PP por “facer que vivir e traballar en Galiza resulte un privilexio en lugar dun dereito”. “As políticas de PP e PSOE aniquilaron os noso sectores produtivos” acrecentou Alberte Mera quen tamén tivo palabras duras contra as sucesivas reformas laborais por precarizaren até o extremo “as condicións de vida e de traballo da mocidade”. Neste senso o máximo dirixente de GN concluía que “a Xunta de Feijoo representa a imposición dunha ideoloxía reaccionaria, con políticas antisociais, antidemocráticas e antigalegas”.

“Na asemblea nacional puxemos en valor os acertos máis diagnosticando tamén os erros” afirmou Mera quen salientaba que desde hoxe seguirán “a traballar intensamente, sen demora, pois estamos ante o peor Presidente da historia de Galiza que entende a maioría absoluta como un cheque en branco”. Neste aparatado o recén electo secretario xeral puxo en valor o éxito de xornada de folga xeral do pasado 14 de novembro e anunciou que “seguiremos a traballar man a man co sindicalismo nacionalista e de clase, coa CIG”

“Saímos preparados para loitar por un cambio de modelo económico e social para que a mocidade teña futuro” aseverou, explicando que para tal fin é preciso, na súa opinión, “rachar co neoliberalismo e avanzar cara unha nova organización económica e social xusta, equitativa e libre de explotación” que poña fin entre outros ao “drama” da emigración xuvenil. Houbo tamén referencias á necesidade de que Galiza se dote de plena capacidade de decisión. A este respecto aseverou que “só alcanzaremos a nosa liberación nacional mediante a constitución da República da Galiza”.

Por último, Alberte Mera fixo unha mención expresa en recoñecemento á súa predecesora no cargo, Iria Aboi, da que dixo “traballou sen descanso para que GN fose referencial no eido xuvenil”.

Guillerme Vázquez pon en valor o contributo de Galiza Nova

A derradeira intervención foi a do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. O voceiro puxo en valor o traballo “xeneroso e entregado” de Galiza Nova, para quen tivo verbas de agradecemento. Vázquez chamou á militancia xuvenil do Bloque a achegar “propostas e ideas propias” e recoñeceu que a súa participación na clausura era “especial” por ser a última vez que o fará en calidade de voceiro nacional.

Solidariedade co pobo palestiniano

Unha das resolucióins aprobadas foi “contra a ocupación sionista de territorios palestinos” e condenouse a recente ofensiva militar exixindo “a fin do xenocio contra o pobo palestino”. Reclamaron tamén que se poña fin ás relacións diplomáticas. Amais a asemblea nacional expresou a súa frontal oposición ao “decreto Wert” e aos “recortes e privatización do ensino público” así como a solidariedade coas e cos traballadores do naval de Ferrol-Terra. Manifestáronse ademais contrarios á lei de penalización e a repenalización do aborto e parabenizaron a aparición de novos medios de comunicación dixitais en galego e o “regreso do galego aos quiosques a mans do semanario Sermos Galiza”.

No acto co que se puxo remate á asemblea estiveron presentes delegacións da CIG, FRUGA, Federación Galiza Cultura, A Mesa, Mocidades da Mesa, ADEGA, Comités, Liga Estudantil Galega, Asociación Monte Pindo e Bloque Nacionalista Galego. Aliás, enviaron saúdoss a AS-PG e máis a AELG.

Comentarios