Co obxectivo de relanzar o BNG entre a mocidade

Galiza Nova elixe Alberte Fernández Silva como novo secretario xeral

A XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova elixiu Alberte Fernández Silva como novo secretario xeral, cargo que até este sábado ocupaba Alberte Mera. A candidatura encabezada por Alberte Fernández Silva, elaborada desde as bases, foi a única que concorreu ao proceso.

CyMrbbQXUAEhXI2
photo_camera [Imaxe: Galiza Nova]

Galiza Nova ten novo secretario xeral. Alberte Fernández Silva é quen ocupa a partir deste sábado a responsabilidade que ostentaba Alberte Mera. A súa candidatura á Dirección Nacional na XIV Asemblea de Galiza Nova foi a única que concorreu e, segundo explica a organización xuvenil do Bloque, “foi elaborada desde as bases e o consenso, de maneira plural e con máis mulleres no conxunto da lista”.

O obxectivo: relanzar o BNG entre a mocidade

Após a súa elección como secretario xeral, Alberte Fernández situou o nacionalismo como “a alternativa para os problemas do día a día da mocidade galega”. Advertiu de que enceta “unha nova etapa” de Galiza Nova, unha etapa en que a organización se marca como obxectivo “relanzar o BNG entre a mocidade”.

CyMQ0jTWIAAFMF_ (2)Aliás, o novo secretario xeral sinalou que Galiza Nova “representa o proxecto do nacionalismo xuvenil para a mocidade galega de hoxe, un proxecto vivo e colectivo para construír unha Galiza para a mocidade, onde o traballo digno sexa unha realidade e a emigración cousa do pasado”.

Nado en Pontevedra en 1992, Alberte Fernández Silva ten 23 anos e é Graduado en Historia, con especialidade en Historia Contemporánea na USC. Participou do movemento estudantil nacionalista a través dos Comités e da Liga Estudantil Galega e milita en Galiza Nova dende o 2009.

Ana Pontón insta Galiza Nova a ser a voz das estafadas pola crise

Na sesión de clausura tamén tomou a palabra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen emprazou a mocidade a ser “motor do cambio” que ten que producirse no país, desde a confianza “na alternativa” que representa o proxecto nacionalista e asumindo que a mocidade “é plural e diversa”.

Ana Pontón pediulles aos mozos e mozas que non se resignen e que pelexen polos seus dereitos e polo seu futuro

Ana Pontón instou Galiza Nova a ser “a voz da xeración que está sendo estafadas pola crise” e a converter “a loita contra a precariedade e o dereito a vivir e traballar na terra unha prioridade”, desde a confianza nas propias forzas. A portavoz nacional pediulles aos mozos e mozas que non se resignen e que pelexen polos seus dereitos e polo seu futuro, contra as políticas que levan Galiza a ser “un país low cost que produce emigrantes ou condicións laborais de explotación, con precariedade e salarios de miseria”.

A nacionalista chamou a confiar na Galiza que “perdeu o medo e que quere tomar as rendas do futuro”. “Vós formades parte esencial desa Galiza con ambición que aspirades simplemente a vivir nun país con oportunidades, con traballo, sen corrupción e con futuro”, sinalou ante as persoas asistentes. Tamén tivo palabras para o secretario saínte, Alberte Mera, “que deixa unha organización máis forte e unida”. Do novo responsábel destacou “a capacidade de diálogo e de integración”.

[Na imaxe do interior, o novo secretario xeral de Galiza Nova]

Comentarios