Galiza Nova de Ponteareas acusa ao PP de manobras preelectorais

Un axente electoral presentouse nos establecementos do municipio facéndose pasar por traballador do Concello, segundo a organización nacionalista. As mocidades do BNG anunciaron que nos vindeiros días publicarán a gravación a través das redes sociais.
A concelleira de Comercio de Ponteareas, Marisol Valado
photo_camera A concelleira de Comercio de Ponteareas, Marisol Valado

As mocidades do BNG farán pública pola rede unha gravación na que José Vázquez se presenta nunha oficina en nome do Concello e logo rectifica aclarando que o Alcalde e a concelleira lle “pediron o favor”

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, a través do seu responsábel de organización Miguel Bouzó, acusou á concelleira de Comercio, Marisol Valado, de utilizar un axente electoral do Partido Popular, José Vázquez, para recoller datos dos comercios de Ponteareas. A concellaría que dirixe Valado entregou nas últimas semanas un impreso para ser cuberto polos comerciantes, no que se inclúen datos persoais como nome e apelidos, teléfono ou DNI. Na carta, asinada por Valado, a concelleira remata pedindo que “cumprimenten a ficha que axuntamos na carta e pasaremos a recollela”.

A conversa foi gravada e nela o responsábel da oficina pídelle explicacións a Vázquez, ao recoñecelo como membro do PP alleo á plantilla do Concello

 

O venres 29, de mañá, o axente electoral do PP José Vázquez, apoderado e interventor deste partido e coñecido colaborador do actual alcalde, presentouse en numerosos comercios e oficinas, facéndose pasar por empregado do Concello. Nunha oficina, Vázquez entrou dicindo “son do Concello” e pedindo a entrega dos papeis da concellaría de comercio. A conversa foi gravada e nela o responsábel da oficina pídelle explicacións a Vázquez, ao recoñecelo como membro do PP alleo á plantilla do Concello. O axente electoral, acaba recoñecendo que en realidade “estou facendo un favor que me pediron”. Na conversa, o responsábel da oficina mostra a súa indignación polo feito de que Vázquez se presente enganando e actuando falsamente en nome do concello para levarse documentación con información sometida á lei de protección de datos.

Publicarán as gravacións
Segundo Miguel Bouzó, responsábel de organización de Galiza Nova, “os feitos son un escándalo, a concelleira Marisol Valado é responsábel deste vergonzoso e gravísimo feito, pois o Sr. Vázquez actuaba no seu nome e no da súa concellería, enganando e facéndose pasar por persoal do Concello”. Os nacionalistas sospeitan que “ducias de comercios entregaron os seus datos persoais a un señor que nada ten que ver co Concello e si co Partido Popular e que polo tanto pode manexar e utilizar eses datos e documentación sen control para o seu proveito ou do seu partido”. Segundo Bouzó “é evidente que Valado botou man de José Vázquez por ser axente electoral do seu partido, suplantando a traballadores municipais”.

Comentarios