ACTOS EN CENTROS DE ENSINO E ESPAZOS XUVENÍS

Galiza Nova chama a mudalo todo nunha campaña pola independencia

A organización xuvenil desenvolverá asembleas coas que, din, queren "sumar mocidade ao proxecto nacionalista". 

Galiza Nova
photo_camera [Imaxe Galiza Nova]

As mocidades do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentaron esta sexta feira (10 de outubro) a campaña "Mudémolo todo, loitemos por unha Galiza Nova". 

A organización xuvenil desenvolverá ao longo das vindeiras semanas actos e asembleas nos centros de ensino e espazos xuvenís nas expor “a situación crítica" na que se atopa o país --sinalou o seu secretario xeral, Alberte Mera-- e "a necesidade de políticas propias pensadas para a mocidade galega, que afortalen un ensino público, de calidade e gratuíto" mais tamén, acrecentou, que garantan o dereito das mozas e mozos galegos a vivir e traballar dignamente en Galiza. 

"O concepto de independencia non é algo estrambótico senón unha necesidade para mellorar a vida das galegas e dos galegos", dixo Alberte Mera

Neste senso, Galiza Nova presenta unha campaña "pedagóxica", din, coa que "trasladar á mocidade que o concepto de independencia" ou "soberanía" non é algo "estrambótico" senón "unha necesidade para mellorar a vida das galegas e dos galegos, para gañar en liberdades, traballo e dereitos”, afirman desde a organización nacionalista. 

"Galiza, con independencia, sería quen de poder destinar os recursos económicos á creación de emprego, sexa ou non do agrado de Madrid e Bruxelas", afirmou Alberte Mera. Un investimento, dixo, co que "podermos recuperar as máis de 100 000 persoas mozas que desde a chegada de Feijóo ao goberno galego tiveron que coller as maletas e marchar da nosa terra". 

Así mesmo, desde Galiza Nova aseguran que a campaña visa tamén "ampliar a base militante" da formación e "sumar mocidade ao proxecto nacionalista" através do desenvolvemento de "asembleas abertas" como unha ferramenta coa que "entre todas e todos, poidamos decidilo todo". 

Comentarios