sábado 06.06.2020

Galiza Nova chama a mocidade galega a mobilizarse nas eleccións estatais

A organización xuvenil desenvolve unha campaña de activación do voto máis novo para os comicios do vindeiro domingo en apoio o BNG.
Imaxe da campaña de Galiza Nova nas redes sociais.
Imaxe da campaña de Galiza Nova nas redes sociais.

Galiza Nova chama ao voto da mocidade galega para as vindeiras eleccións do 10-N e o respaldo ao BNG como única voz galega. A campaña estase a desenvolver nas rúas de toda Galiza e nas redes sociais da organización xuvenil co obxectivo de "dar peso político a Galiza nas cortes do Estado". Lingua, medioambiente, dereitos, feminismo: son algunhas das propostas que levan na súa campaña, apoiando o voto ao BNG nestas eleccións. 

A situación de inestabilidade política provocou descontento e desmobilización nas xeracións máis novas que teñen dereito a voto para as vindeiras eleccións do 10 de novembro, indica a organización, que neste contexto pensa que a mocidade perde incentivos para participar activamente exercendo o seu dereito a voto. "Precisamos que a mocidade galega teña unha voz propia no Congreso dos Deputados. Unha voz que sexa capaz de levar os nosos problemas e reivindicar un futuro na nosa terra" explicou o secretario Xeral da organización xuvenil, Paulo Riós. "A mocidade galega enfronta unha situación de emerxencia social, cun desemprego xuvenil dos máis altos do Estado e cunhas condicións de precariedade e temporalidade nunca vistas para as mozas" sinalou o secretario Xeral.

Asemade, Paulo Riós, explicou que "temos que defender o noso futuro e o noso presente, por iso é polo que neste 10 de novembro a mocidade ten que votar ao BNG. Precisamos que se defendan os nosos problemas específicos tal e como ocorre noutros territorios do Estado que, mediante forzas propias, son quen de condicionar aos gobernos estatais e de conseguir melloras para a sociedade".

comentarios