Galiza Nova acusa o PP de manipular a campaña “Rachemos co Xacobeo”

Galiza Nova decidiu retirar a campaña denominada 'Rachemos co Xacobeo' para que "non caiban malentendidos nin manipulacións posíbeis" das que acusou directamente o Partido Popular.

rachar
photo_camera Presentación da campaña de Galiza Nova a pasada quinta feira.

A organización xuvenil do BNG promovera na quinta feira a campaña "Rachemos co Xacobeo" a través das redes sociais. Unha iniciativa que chegou a espertar a reacción do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

A través dun chío, o mandatario galego esixía a retirada da campaña e acusaba Galiza Nova de ir "contra un dos sectores que máis padeceu" a crise sanitaria da Covid, malia que a formación política denunciaba a emigración e a precariedade á que se ve sometida a mocidade.

"Estamos afeitos o radicalismo do BNG. Non nos collerá por sorpresa ningunha campaña que tente desprestixiar a marca Galiza", sinalaba Feixoo no chío.

Tamén se pronunciou a respecto diso o secretario xeral do PP, que cualificou a campaña como “un exemplo máis das ideas peregrinas do BNG" que son "importadas desde fóra".

Na mañá da sexta feira, Galiza Nova emitiu nun comunicado no que confirma a retirada da campaña e mostra o seu "total apoio cara aos diferentes sectores económicos galegos", que viven tempos "especialmente duros" pola crise sanitaria e económica.

A formación nacionalista reafírmanse nas denuncias recollidas na citada campaña, que buscaba demandar "unha mocidade con futuro, con emprego digno na terra e acceso a unha vivenda". "Por un país vivo, con industria propia e uns sectores produtivos fortalecidos, que aposta pola investigación e pola ciencia", agrega o comunicado.

Manipulación

Así mesmo, Galiza Nova lamenta que o PP "manipule" o seu traballo e as súas propostas "a favor dun futuro digno para a mocidade galega" e "contra aqueles que queren relegar este país á irrelevancia e á dependencia".

"O presidente da Xunta tacha de radical nosa campaña e non atopa radical que 200.000 mozos teñan que marchar do país en busca dun futuro digno que se lles nega na nosa terra", engade. "Condenamos tamén a burda estratexia de manipulación do Partido Popular, que tenta enganar a sociedade galega facendo unha caricatura das denuncias da nosa organización, co fin de enmascarar a súa folla de ruta antigalega e antisocial", advertiu a organización nacionalista.

A mocidade "non ve a posibilidade de ter futuro digno na nosa terra coas políticas do Partido Popular, que reducen Galiza a un modelo 'low cost' de servizos de baixo custo, que non xera riqueza e que fonda na dependencia".

Comentarios