SEGUNDO GONZáLEZ (FOGA), CANDIDATO DE IPU áS PRIMARIAS

"Galiza non pode estar a expensas do que veña de fóra"

Membro da coordinadora nacional da FOGA, Segundo González presentouse ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión para concorrer na lista de Nós. Candidatura Galega ao Congreso.

Segundo González
photo_camera Segundo González

Por que decidiu sumarse a Iniciativa pola Unión?

Porque considero fundamental ter un grupo galego propio no Congreso. Neste momento vai haber un cambio político tan grande, tan grande, tan grande que nós non podemos quedar en fóra de xogo. Os cataláns e os vascos están posicionándose e Galiza non pode estar á expensas do que veña de fóra. Ou entramos con capacidade e grupo propio no Congreso ou desaparecemos polo menos durante 30 ou 40 anos.

E por que decidiu participar nas eleccións primarias?

Na FOGA hai persoas moi capacitadas, pero por distintas cuestións non podían. Eu veño de xubilarme recentemente, atópome en forma e tiña toda a dispoñibilidade. Segundo os compañeiros, eu podería facer un bo papel no Congreso e empurráronme.

Por que non pode ser deputado un home de esquerdas en condicións, coma min, que leva toda a vida loitando?

Vese de deputado no Congreso?

Non descarto acabar no Congreso. Se facemos unha campaña boa, por que non? Non o vexo imposíbel. Os de esquerdas temos o defecto de sermos moi idealistas e utópicos pero os ideais son os que marcan o destino. Por que non pode ser deputado un home de esquerdas en condicións, coma min, que leva toda a vida loitando? Eu sei o que necesita Galiza. Penso que estamos en condicións de estar no Parlamento e de dicir o que pensamos.

Que pode achegarlle vostede á candidatura?

Experiencia. Polo que sei, son o maior da lista. Coñezo e levo na loita sindical e na política desde que vin da mili, desde o 1973, e tamén teño coñecemento do asociacionismo. Ademais da experiencia, podo achegarlle ganas.

"Non podemos depender de catro señores de por aí que nos levan a pasta e nos deixan o lixo todo"

Cales serían as súas prioridades de ser electo deputado?

Preocúpame moito o terríbel problema do paro, o problema do sector naval, as persoas que están pendentes da lei de dependencia, a suba continuada da luz... son traballador de toda a vida e o malestar da sociedade e a pobreza preocúpanme moito. Precísanse persoas honradas no parlamento, precísanse traballadores que boten de aí toda esa tropa de mangantes. Eu podo achegar frescura, honradez e ganas de traballar para a xente do pobo. E, por suposto, gustaríame que Galiza estiver nunha situación semellante a Catalunya, con independencia do que nos digan de fóra. Non podemos depender de catro señores de fóra que nos levan a pasta e nos deixan o lixo todo.

Que se xoga Galiza nestas eleccións?

Xógase todo. É un momento moi delicado pero temos que ser capaces de plantarnos como galegos. É o noso momento. Temos que dar o paso que deu Catalunya. Se non subimos no tren, até dentro de 40 anos quedaremos fóra de xogo. 

"Eu procedo da militancia máis marxista, onde te xuntabas por células e funcionabas de xeito diferente. Esta é unha forma nova e ilusionante"

Que lectura fai do proceso de primarias en IpU?

Eu procedo da militancia máis marxista, onde te xuntabas por células e funcionabas de xeito diferente. Esta é unha forma nova e ilusionante. Ao principio chocoume un pouco, mais logo vin que era unha marabilla un proceso tan aberto, desde a base, no que puido apuntarse quen quixer. Oxalá que as listas abertas sexan o futuro.

Finalmente, non houbo confluencia para unha candidatura unitaria...

Estiven na reunión do sábado pasado no Paz Nogueira e saín moi decepcionado porque non vin vontade de acordo por unha das partes. A xente de IpU e de todas as forzas alí integradas estabamos dispostas a renunciar a todos os pasos que deramos até entón a favor dunha candidatura unitaria, que para nós era o futuro. Tiñamos claro que o grupo parlamentar era o obxectivo claro a conseguir nestas eleccións, pero a outra parte non o tiña claro. É triste que vaiamos por partes, pero eu non me vou matar. Sacrificámonos todos moito e somos conscientes de que coa nosa ilusión e coas ganas imos tirar adiante.
 

Comentarios