Vázquez Almuiña mostra "preocupación" polas viaxes entre territorios con situación distinta e pide "fórmulas" para iso

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, manifestou este sábado que trasladou no consello interterritorial a súa "preocupación" pola posibilidade das viaxes entre comunidades autónomas cunha situación epidemiolóxica distinta co fin do estado de alarma e pediu pactar "fórmulas" neste ámbito.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña [Imaxe: Xunda da Galiza / Xoán Crespo].
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña [Imaxe: Xunda da Galiza / Xoán Crespo].

Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Vázquez Almuiña considera que este é un punto para "revisar". "Temos esta semana para falar entre comunidades autónomas e co ministerio e buscar alternativas", expresou, en resposta a unha pregunta sobre se cre necesario estabelecer restricións.

En calquera caso, insistiu en que a formulación da Xunta da Galiza é facer "un especial seguimento" e ofrecer unha vía de comunicación aos visitantes, tanto doutros puntos de España como do estranxeiro, para que se poidan pór en contacto coas autoridades sanitarias galegas "ante o mínimo síntoma" de padecer COVID-19. A vixilancia estará "activa" todo o verán, dixo.

O fundamental é, ao seu xuízo, que exista información actualizada sobre a situación nos diferentes territorios e, respecto a os visitantes foráneos, cre que no futuro "máis que falar de fronteiras, hai que falar de situación epidemiolóxica" para analizar as posíbeis restricións. Respecto a as visitas de turistas alemáns a Baleares previstas para a próxima semana, o conselleiro destacou que Alemaña ten "unha moi boa situación".

Vázquez Almuiña referiuse tamén á posibilidade de que a corentena, ante a sospeita de enfermidade, pase de 14 a 10 días e sinalou que para a cuarta feira está prevista unha reunión na que o Goberno estatal abordará esta posibilidade. Existen datos, agregou, que indican que a capacidade de infección do virus para partir do "sétimo ou oitavo día" é "moi baixa", polo que diminuír o tempo de illamento sería "fenomenal". Os protocolos, defendeu, vanse axustando á evidencia científica e ao que as persoas expertas aprenden "día a día".

A entrada na nova normalidade

O responsábel de Sanidade felicitouse pola entrada da Galiza na 'nova normalidade' desde a segunda feira, pero lembrou que é necesario manter o uso de máscara, as medidas de hixiene e o distanciamento social para evitar que volva aumentar a transmisión do virus. Estes novos costumes, insistiu, van acompañar os cidadáns nos próximos meses. "Mesmo podemos falar dun ano", agregou e sinalou que non cre que a vacina ou un tratamento específico estean dispoñíbeis antes.

Galiza cambia de fase e, aínda que cre que no territorio a circulación do virus "é mínima", Sanidade revisará os datos "día a día" para verificar se se poden seguir ampliando capacidades e retomando actividades que seguen suspendidas. O 1 de xullo, proseguiu, "pode ser un bo momento" para revisar as actividades que están en marcha e as que poderían volver estalo.

Vázquez Almuiña pediu "ter claro" que se detectarán casos no verán e nos meses seguintes, mais destacou que a Galiza ten "os medios" para facerlles fronte e insistiu na necesidade de comunicar os síntomas porque se pode facer unha proba PCR en 24 horas e a persoa afectada pode illarse para evitar contaxiar outras súa contorna.

Galiza, con menos presión

A Comunidade galega, agregou, non sufriu "a presión" á que chegaron os sistemas de saúde doutras zonas e isto, xunto coa ausencia de grandes cidades e medios de transporte que canalizan o virus rapidamente, favoreceu un menor impacto da enfermidade. Das semanas coas peores cifras dixo lembrar "o especial esforzo dos profesionais sanitarios" e o seu afán de "aprender diariamente" das informacións que ían chegando sobre o virus.

O conselleiro indicou tamén que a segunda onda do estudo epidemiolóxico do Sergas terminará previsibelemente a próxima semana e chegará a 50.000 persoas. Este estudo, xunto co estatal, dará unha imaxe "moi precisa" da situación en todos os concellos. Nuns meses, "seguramente" haberá outra análise similar para comprobar como evolucionou o virus no verán.

Con respecto aos actos en memoria dos falecidos celebrados este sábado, considerou que son "moi merecidos" porque a situación para os familiares de quen morreu illados foi "moi dura" e estas iniciativas permiten darlles "un abrazo virtual" para apoialos no seu duelo.
 

Comentarios