A Galiza que hai

O 24M fotografou o país real e o daguerrotipo é un mosaico de tres imaxes, tres correntes de opinión básicas.

Votacións
photo_camera Imaxe dun colexio eleitoral

A saber:

1.-Galiza é española e vainos ben no Estado español. Galiza só é viábel grazas á solidariedade do Estado. 

Esta posición é basicamente a do bipartidismo e tamén a de Ciudadanos, a dereita emerxente.

2.-Aínda é posíbel salvar España para a causa progresista, democrática e republicana. O campo de batalla, o marco de referencia, é e ten de ser o estatal.

Esta posición é a das Mareas/Podemos e, en boa parte, tamén a de Anova (Beiras ten teorizado que Galiza, a diferenza de Catalunya e Euskal Herria, Non Pode, así que se ten que aliar cos sectores progresistas españois).

3.-Galiza só ten saída se é desde as súas forzas propias, nun deseño autodeterminista.

Esta posición é a histórica do nacionalismo galego e empata coa aposta soberanista do nacionalismo vasco e catalán.

A sociedade galega continúa participando basicamente da política española

Esas tres correntes de opinión viven nunha dialéctica e nunha tensión permanentes. A primeira e a segunda teñen algo en común: pensan Galiza en España, uns como unha dupla (GZ/EE) eterna e inmutábel, outros como un proxecto dinámico, suxeito a contradicións, mas que pode mellorar. A terceira corrente, a nacionalista, pensa Galiza como unha cousa en si mesma e para si mesma. España, nesa concepción, é unha continxencia, non unha necesidade. E unha continxencia negativa, a superar. Non a reformar, senón a deixar atrás.

É obvio que neste momento a maioría social abala entre a primeira e a segunda corrente de opinión e que o nacionalismo está en minoría. Non é ningunha novidade histórica. Vén sendo así desde principios do pasado século. Esta centuria non pasou debalde e hoxe o pensamento nacionalista está máis presente na sociedade do que na época de Vilar Ponte e Castelao e non só como forza motora do nacionalismo político e sindical, senón tamén como relato que impregna determinados contidos (a comezar polos usos lingüísticos) de organizacións que están moi lonxe dos postulados soberanistas.

Si, o nacionalismo galeguizou amplos sectores da política e da vida social galegas, mais ese non era nen é o seu proxecto histórico. O seu proxecto histórico é xerar un poder político propio, independentista talvez, mais independente seguro. Un poder político propio co centro de decisión na Galiza, non en Madrid, for esta a capital dun Estado monárquico ou republicano.

Que nos din os resultados do 24M a este respeito? Que a sociedade galega continúa participando basicamente da política española (nos 80-90 os referentes progresistas eran González ou Anguita, agora Pablo Iglesias, Colau ou Carmena) e que o marco de referencia nacional é aínda unha conquista por realizar. 

Esta é a Galiza que hai. Coñecela é básico para transformala. E transformala é sinxelamente vital se queremos sobreviver como país.

Este artigo viu a luz no número 147 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios