Galiza, a grande ausente no debate de TVE

O debate emitido por Televisión Española contou con representantes dos partidos españois, de Euskadi e de Catalunya. Ficaron fóra da mesa as problemáticas das galegas e galegos, mentres que as de Catalunya, Euskadi, Andalucía e Madrid foron as protagonistas.

debate
photo_camera Debate das Xerais [Imaxe: RTVE]

Televisión Española emitiu un debate a seis onde Galiza foi a grande ausente. Ningunha das problemáticas estruturais que afectan ás galegas e galegos foron obxecto de debate polas formacións que participaron. Si acapararon os tempos do debate cuestións referentes a Catalunya, Euskadi, Andalucía e Madrid.

Rufián e Fortes foron os únicos que aludiron a Galiza

Alén das representantes do partidos estatais (PSOE, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos) participaron Aitor Esteban do PNV e Gabriel Rufián de ERC. O republicano si fixo referencia a Galiza defendendo o dereito a decidir dos pobos e exclamou un “viva Galiza ceibe”.

Rufían fixo referencia a Galiza ao defender o dereito a decidir dos pobos

A outra aparición de Galiza hailla que agradecer ao moderador do debate, o xornalista galego Xabier Fortes, quen empregou o termo “mallado” para referirse ao cumprimento dos tempos de intervención, e un “Boa noite” co que despediu a emisión.

Euskadi e Catalunya centraron o debate

Nin no bloque económico nin ao falar de infraestruturas ou autonomías estivo a Galiza presente. Si o estivo o pobo vasco, da man do deputado nacionalista Aitor Esteban, quen aclarou que “Euskadi non recibe diñeiro do Estado, senón da recadación de Euskadi” e afirmou que “Euskadi é unha nación, e non o digo eu, senón que o din as tres cuartas partes do Parlamento Vasco”. Defendeu ademais as competencias e o autogoberno vasco fronte á involución centralista do Estado.

Andalucía tamén estivo presente no debate

A candidata popular Cayetana Álvarez de Toledo tamén trouxo á palestra a situación de Andalucía e do seu sistema sanitario, reprochando ao PSOE as listas de agarda e que “as crianzas estean á cola” nos rankings de ensino.

“Non volva utilizar o nome de Andalucía en van", espetou a ministra Montero

“Non volva utilizar o nome de Andalucía en van", espetoulle a ministra Montero a Álvarez de Toledo. 

Incerteza sobre o próximo debate

O reformulación do debate anunciado por A3 Media coa participación dos candidatos á presidencia de PSOE, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e VOX fica no aire, despois de que a Xunta Electoral Central sinalase que non se podía contar cunha forza sen representación no Congreso e excluír outras que si a teñen, dando así a razón ao recurso do PNV.

A nova fórmula do debate de A3 Media, sen VOX, é a mesma que a proposta que xa fixera TVE e que Sánchez rexeitou. De todas formas, semella que non se quere contar de novo coas forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya, e todo prognostica que a Galiza, unha vez máis, nin terá voz nin estará na cabeza das e dos representantes das formación políticas estatais.

Comentarios