Galiza estará presente no referendo de Escocia

Unha delegación do BNG, encabezada polo seu portavoz nacional, viaxa a Escocia onde tamén estarán representantes de Euskal Herria e Catalunya. 

Na véspera do referendo de autodeterminación escocés, unha delegación do Bloque Nacionalista Galego viaxou até Escocia para apoiar a consulta que terá lugar o 18 de setembro. 

Encabezada polo portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, e pola secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, o BNG fará parte da delegación enviada pola Alianza Libre Europea. 

A fronte nacionalista participará no acto de solidariedade internacional que arroupará ao Scotish National Party --forza impulsora da consulta-- e no que tamén estarán presentes representantes de ERC como o europarlamentar Josep Maria Terricabras e o eurodeputado da coligazón Os Pobos deciden, Josu Juaristi (EH Bildu). 

Xunto a eles, tamén apoiarán a consulta unha nutrida representación das nacións sen estado integradas na ALE. Bretaña, Sardeña, ou Córsega, entre outras. 

Pola súa banda, Compromiso por Galicia anunciou que Xoán Antón Pérez Lema acudirá como observador e representante desta organización. 

Comentarios