Galiza elixiría presidente a Puigdemont fronte a Abascal

Segundo unha consulta ideada e elaborada por Electomanía, Santiago Abascal imporíase a Carles Puigdemont como presidente do Estado español tan só por unhas décimas. Na Galiza, gañaría Puigdemont con 70% dos votos.
puigdemont
photo_camera Carles Puigdemont (Europa Press).

Ante unha suposta votación en segunda volta para elixir presidente do Goberno no Estado español, a quen lle daría o seu voto? A Santiago Abascal ou a Carles Puigdemont?

Electomanía, unha web de actualidad política “cunha ampla comunidade de usuarias interesadas en sondeos de opinión, datos estatísticos e evolución das ideoloxías no ámbito local, rexional, nacional e internacional” foi a encargada de definir as condicións desta consulta hipotética. A abstención estaba prohibida. ‘Ningún’ non era unha opción.

Catro décimas

Os resultados desta enquisa revelan unha gran división no conxunto do Estado, onde os dous candidatos rozan 50% dos votos. Porén, Santiago Abascal, o presidente de Vox, supera en intención de voto a Carles Puigdemont, o expresidente da Generalitat, por catro décimas.

49,6% votaría o líder catalán fronte 50,4%, que escollería o representante da ultradereita. Por electores, os de Vox (99,3%), Partido Popular (93,2%) e Ciudadanos (83%) elixirían Abascal como presidente. Os votantes do PSOE (66,7%), de Unidas Podemos (97%) e doutras formacións (78,6%) votarían a Puigdemont.

Electorados e territorios

Por territorios, só Galiza, Asturias, Euskadi, Navarra, Catalunya, o País Valenciá, Illes Balears e Canarias escollerían a Carles Puigdemont como presidente dos seus propios territorios. En Euskadi, coa porcentaxe de votos máis alta, 71,9%; seguido de Catalunya, 70,6%, e Galiza (69,9).

Abascal sacaría o seu mellor resultado en Madrid, 65,4%, seguido de Andalucía, 64,3%, e Castela e León, 63,1%.

Escisión

Noutra enquisa, á pregunta de que territorio preferiría que se escindise do Estado español en caso de que esa división fose inevitábel, as persoas consultadas sinalaron Catalunya, en primeiro lugar, con 34,45 doos votos; seguida de perto por Euskadi, 22,9%; Canarias, 17,9%; Andalucía, 13,9%, e Galiza, 10,9%

Comentarios