Galiza desprega 3.952 mesas para que voten 2.234.252 persoas

11.856 galegas e galegos están chamados este domingo 12 de xullo a constituír 3.952 mesas en 2.395 locais para que 2.234.252 persoas poidan exercer o dereito ao voto nos 313 concellos galegos, divididos en 590 distritos e 2.156 seccións electorais.
 
Galiza vota este 12 de xullo.
photo_camera Galiza vota este 12 de xullo.

Ás 9 da mañá deste domingo 12 de xullo abriron os colexios electorais da Galiza para que 2.234.252 galegas e galegos poidan exercer o dereito ao voto nos 313 concellos galegos, divididos en 590 distritos e 2.156 seccións.

Por circunscricións, A Coruña conta con 1.543 mesas en 903 locais; Pontevedra ten 1.331 mesas en 668 colexios electorais; Lugo 536 mesas en 406 colexios; e Ourense conta con 542 mesas en 418 locais electorais. O censo total de electoras e electoras e electores é maior e ascende a 2.697.315, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.

A participación da emigración caeu de forma histórica, pois só 12.359 electoras e electores do Censo de Residentes Ausentes (CERA) solicitaron o voto.

Máis de 72.000 galegas e galegos xa enviaron a papeleta por correo para as eleccións, o que supón un incremento de 79,52% respecto ao anterior proceso electoral ao Parlamento da Galiza, en 2016.

56 candidaturas

Un total de 56 candidaturas pugnan este domingo polos 75 escanos da Cámara galega. Trátase dunha lista máis das que se rexistraron para participar na convocatoria do 5 de abril, suspendida finalmente pola crise do coronavirus.

11 son as presentan listas nas catro circunscricións. Ademais das principais forzas (PP, PSdeG, Galicia en Común, BNG e Marea Galeguista), tamén rexistraron candidaturas en todas as circunscricións Vox, Ciudadanos, o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza, Por un Mundo Máis Xusto, Pacma e a alianza Recortes Cero-Espazo Común.

A Mariña

Antes das 9 horas ficaron constituídas as dez mesas electorais habilitadas en Burela, na comarca da Mariña, con 186 casos activos de coronavirus até o sábado, segundo o comunicado polo Sergas.

Por mor do confinamento da zona, salvo este domingo para votar, non poderá entrar nin saír ninguén de Burela.

As e os positivos, persoas pendentes do resultado da proba ou con síntomas non poderán votar, xa que non se habilitou ningún mecanismo para garantir os dereitos democráticos das persoas que se atopan confinadas nesa situación. Isto supón que perto de 300 persoas ficarán sen votar na Galiza. “Non é un número significativo”, dixo onte o vicepresidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, a respecto delas.

Comentarios